Á deriva

Natalia Lema Otero ECOS DÁ GÁNDARA

CARBALLO

02 ago 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Non lle digas que non ten motivos para estar triste. Non lle digas que hai xente en peores situacións, que está esaxerando. A depresión e ansiedade non se ven. Son demos invisibles que habitan en todos nós e sufrímolos, en maior ou menor medida, nalgún momento das nosas vidas. O problema das enfermidades mentais é que son infravaloradas. Invisibles. De aí a alta taxa de suicidios, moitos entre persoas de avanzada idade, que nos dan unha radiografía clara e nítida da soidade e a tristeza que envolve a tantas persoas nos seus fogares. Eu digo sempre que podes estar rodeada de xente e sentirte a persoa menos querida e valorada do mundo. A depresión é unha enfermidade, non é unha manía ou un estado anímico.

A comunidade precisa normalizar as enfermidades mentais e desprenderse de mitos que envolven a algunhas coma a esquizofrenia. A calidade de vida dos enfermos mellorou moito. Da mesma maneira que curamos un pé cando o rompemos, temos dereito a darlle a mesma importancia a algo intanxible, pero tan valioso. Simon Biles tivo que superar nacer nunha familia desestruturada, os abusos sexuais nun deporte hipersexualizado, a perda dun irmán que se encontra no cárcere e a expectación e a esixencia por superar ás súas predecesoras. Lousas demasiado poderosas. O máis fácil sería aguantar un xogos olímpicos onde seguramente chegaría ao podio. O difícil foi plantar, encarnar o sentimento de fracaso por parte da sociedade e dar unha lección sobre autocoidados, tan necesarios para poder sandar feridas. Por sorte, a humanidade evolucionou dende Esparta , onde nada máis que se admitían nenos sans e fortes. A debilidade habitan en todos nós e, en parte, non deixa de ser a nosa maior fortaleza.