Manuel Oanes, de Vimianzo: «Un muro atrapoume e deixoume esnaquizado, salváronme de milagre»

nicolás pose / X. A. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

Persoas con historia | Un accidente en Suíza marcou a súa vida, que pasou a dedicar a iniciativas veciñais

29 jul 2021 . Actualizado ás 14:03 h.

Manuel Oanes (Vimianzo, 1957) é deses heroes anónimos imprescindibles na vida de calquera comunidade. Sempre se implicou en iniciativas veciñais para facer felices aos demais. «Porque me gustou sempre axudar aos meus veciños», di.

Natural de Carantoña , aos 14 anos deixa os estudos para aprender o oficio de albanel. Ao rematar o servizo militar, emigrou a Suíza para traballar no seu campo, a construción, no cantón de Basilea . No país helvético, Manuel fíxose coñecido na comunidade española a través do fútbol, pois pertenceu á directiva de dous clubs, os celtistas e o Rías Baixas, que xogaban unha liguiña contra outras formacións de emigrantes . Ademais, para recadar diñeiro extra para as entidades, ía polos bares a vender quinielas das xornadas. «En realidade non podía, pero nunca me pillou a policía», confesa.

Un cambio radical

A súa estancia en Suíza, e a súa vida en xeral, deu un envorco tras un grave accidente. Nunha obra, un muro de formigón de dous metros de alto e case dúas toneladas sepultouno. «O terreo estaba brando e iso salvoume a vida. O muro atrapoume e esnaquizoume. Salváronme de milagre. Parecíame que rompera todo. Tiven moita sorte, porque o hospital de Basilea era dos mellores de Europa naquela época e, ao ser pola mañá, puidéronme operar de urxencia, porque xa tiña os pulmóns colapsados», narra Manuel, que nunca volveu a traballar de albanel. O seu caso saíu nos xornais.

Mentres estaba de baixa, asociado cun amigo que tiña unha tenda, dedicouse a vender accesorios deportivos, «escudos de plástico do Madrid e do Barcelona, chaveiros, incluso camisetas de equipos», di. Manuel conta, con emoción, que un día chegou a coñecer a Manolo «o do bombo» e asociouse con el para vender produtos da selección: «En total creo que vendín 400 camisetas».

O regreso a casa

Con 32 anos volve a Carantoña e, ao ter a pensión de invalidez polo accidente, decide aproveitar o seu tempo libre en diferentes iniciativas veciñais, como a xestión do club de fútbol local, o Soneira. Empezou na directiva como utillero, ocupándose da roupa e do estado do campo. «Despois dun partido ía ao estadio arranxar a herba e non deixaba que ninguén entrara ata o seguinte, nin sequera ó alcalde», asegura. Como vicepresidente e delegado do equipo lembra a compenetración co seu bo amigo Juan Gómez. «O que non tiña eu, tíñao el, compenetrabámonos perfectamente», comenta.

Ana Garcia

Tras o seu paso polo equipo, centrouse en varias reivindicacións locais, como a defensa dunha traída de auga privada entre uns veciños ou a loita, de máis de 20 anos, pola titularidade dos montes de Milleira e da zona de Braño. Lembra que foi o encargado de legalizar á comisión de festas de San Martiño. «Fun empresario, porque para legalizar á comisión tiven que facer unha empresa de espectáculos ao aire libre sen ánimo de lucro», relata xocoso. Agora, cando fai falta, facer unha man ao Concello.

«Cunha fouce fixen a única ruta de alvarizas que existe en Galicia»

Na súa última aventura, Manuel foi abrindo e creando unha ruta de sendeirismo para visitar o fabuloso conxunto de de alvarizas o Monte Faro, en Vimianzo. Metíase entre toxos de dous metros. «Debe ser a única que se pode facer en Galicia, porque normalmente non hai tantas xuntas», explica. Son 15 apiarios, divididas en tres conxuntos ao longo de case sete quilómetros: «E algunha deixeina fóra para reducir, porque era moito e había demasiada leña para cortar». Armado cunha fouce, creou o camiño para facer a ruta, que foi totalmente despexado, posteriormente, polo Concello.

Logo de que se atopasen un par de en abellarizas a zona, Manuel revisou os traballos de Carmen Toba, da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego, e o catastro do Marqués da Enseada, para investigar rexistros antigos. Todo indicaba que as colmeas se construían na ladeira máis asollada e abrigadas do vento. Seguindo estas normas, atopou 70 entre os lugares de Vimianzo, Carantoña, A Valiña e A Toxa.

Manuel asegura que esta procura se debe ao seu gusto por estar no monte. «Gústame moito o monte e por esta zona coñézoo moi ben. Xa hai algún tempo, ía de noite para ver aos lobos e aprendín as súas rutas e comportamentos», confesa.

Este proxecto aínda por rematar, segundo cre. «Agora falta poñer uns carteis cos nomes das familias propietarias das alvarizas», explica. Manuel quere investigar o monte en busca de petróglifos , aínda que asegura que lle falta investigación para atopalos. Di que, cando o ven pasear por Braño, os seus veciños pregúntanlle: «Manolo, en que andas metido agora?».

Máis historias que inspiran