Nestes locais da Costa da Morte cómese ao grande

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

PIZZA TUTTO

As táboas con produto variado e os almorzos ingleses son tendencia

25 jul 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

É verán, hai bo tempo -relativamente-, e o que apetece é pasar o menor tempo posible en casa. Os locais hostaleiros da Costa da Morte pono doado con propostas en grao sumo atractivas, abundantes e económicas, aínda que isto último xa depende do peto de cada un. Dúas tendencias actuais son as táboas con produto variado para a comida principal, e o brunch, que imita ao almorzo inglés, para primeira hora do día ou a media mañá.

«Brunch»

O Bar Dubra, en Carballo, que abriu en plena pandemia, é talvez o que máis traballa as primeiras comidas da xornada. «É algo novo aquí. Moita xente, antes, para atopalo, tiña que desprazarse a outros lugares», comenta a encargada, Katy Garrochena González. Tostadas moi completas, boles de froita, batidos e aperitivos salgados como o pan bao con ovos e touciño entrefebrado son só algunhas das posibilidades. A hora perfecta para darse esta homenaxe é ás 11.30-12.00, apunta Katy. Xa hai quen celebra o seu aniversario con este formato. E é que «é case como comer», comenta Garrochena González. Para exemplo, a oferta da que dispoñen: cinco pratos, café e un sorbete para dúas persoas por 25 euros. No verán, o bol de açaí -froita machucada- é o que máis se vende por ser o máis refrescante.

dubra

O Oito Bar, tamén na capital de Bergantiños, súmase aos almorzos contundentes con alternativas destacadas como a tapa de tortilla por 2 euros ou as tortitas, por 1,80, extras á parte (sirope de chocolate, nata montada, froitas, sementes...). Son moitas máis as propostas e aínda o queren potenciar máis, asegura un dos seus xerentes, José Manuel Canedo Outeiro, que así mesmo se mostra moi satisfeito co funcionamento deste servizo. A Vermutería ou o Colón, en Carballo, son outros locais con posibilidades moi doces e salgadas. O aguacate, o queixo ou as noces son ingredientes que se converteron en básicos dun almorzo.

Varios sabores nunha bandexa

Outra tendencia actual son as racións de distintos tipos servidas nunha táboa de madeira de grandes dimensións. No Bar Toba, de Cee , en realidade, lévano facendo desde hai uns anos, aínda que recoñecen que é nestes momentos cando máis éxito teñen. Ofrecen dous. Unha leva media tortilla, churrasco de porco e de tenreira, un chourizo criollo e polbo á feira. A outra, raxo, zorza, luras, polbo e patacas fritas. Ambas custan 19 euros e dan para comer tres persoas, a un prezo moi alcanzable duns 6 euros por cabeza. «Inventámolas para chamar a atención da xente e son o noso forte. Temos 25 bandexas na cociña e, ás veces, non nos chegan. Hai xente que vén recomendada polas táboas dende as Canarias», explica o responsable, Juan Francisco Castro López, xunto á súa muller, a experta cociñeira Pilar Rodríguez Pereira.

toba

O Lar de Pacheco, na Laracha, é outro dos locais da Costa da Morte que tamén ofrece racións en táboas. Tenas de distintos tipos. De racións, nas que inclúe chipirones, polbo, croquetas, nuggets de pito e patacas; de carne, onde a novidade é a vaca vella, os chourizos vermellos, os zancos de pito e os pementos de Padrón, a maiores de churrasco mixto de tenreira e porco, e ollo, porque tamén as ten de peixe e de marisco, que varían segundo o día. Robaliza salvaxe, pescada e rodaballo, ou zamburiñas, ameixas e centola, son algúns dos produtos que adoitan levar. Os prezos van desde os 30 euros ata os 75. Dan para comer dúas persoas ou tres, segundo o bocado. «É o mellor que se pode recomendar para a xente que busca probar un pouco de todo. Funciona moi moi ben», conta o dono, Eloy Alvarellos Caamaño.

As hamburguesas e as pizzas xigantes son clásicos que nunca pasan de moda

Clásicos como as hamburguesas, as pizzas e os pratos combinados xigantes nunca pasaron de moda. Neste sentido, a comarca tamén ten unha ampla representación de negocios que elaboran estas creacións.

Pizza Tutto, en Carballo, elabora masas de medio metro de diámetro, que logo decora con infinidade de produtos. Custan sobre 20 euros e dan para comer unhas dúas persoas. Oferta case 40 especialidades no formato familiar. As que máis saen, segundo comenta a propietaria, Ana Fariña Angrelo, son as básicas de xamón, atún e touciño entrefebrado, entre outros ingredientes. Pero téñenas moi completas como a que leva o nome da empresa, de pemento, salami, alcachofas, champiñóns, espárragos e cebola, entre outros produtos. O segredo está na frescura de todos os pasos que realizan. Pizzería Dei Troppo, na capital de Bergantiños, tamén elabora pizzas de gran tamaño.

As hamburguesas son outro prato que sempre apetece. O Bar 129 da Gran Vía carballesa é coñecido por enchelas de forma abundante. A que leva por nome «carnívora» inclúe dúas hamburguesas (hai catro tipos a escoller), queixo chédar, leituga, tomate, pepino, cebola, lombo ao forno e salsa picante, ademais do pan de panadería. Cuesta 6 euros, e co combo de patacas fritas e refresco, 8,60, do mesmo xeito que o sandwich María, de tres pisos, con queixo, lombo, touciño entrefebrado, ovo, hamburguesa, leituga e tomate.

Os pratos combinados son outra opción. En Pizzería Il Muíño, de Coristanco , destacan polo seu gran tamaño. O de milanesa de pito con queixo, patacas fritas e leituga arrasa, tamén por 8 euros. Outro de luras e tortilla francesa co mesmo acompañamento e prezo, ten así mesmo moito éxito. Pero son moitos máis os establecementos a descubrir na zona.