A Xustiza exime ao Concello de Vimianzo de indemnizar a un veciño de Bamiro que tivo que demoler a súa casa

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

El pedía no seu recurso unha compensación de preto de 261.000 euros

22 jul 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) exime ao Concello de Vimianzo de indemnizar con case 261.000 euros a un veciño de Bamiro que tivo que demoler en 2018 a súa casa, contra a que pesaba unha sentenza firme de derriba e varias multas da APLU por incumprimento da orde.

Evaristo Blanco construíu a súa vivenda nunha parcela de Tras do Ceán na que só unha pequena parte era urbanizable, e o resto, chan rústico. Tras anos de litixios e de cargar contra o Concello por supostos tratos de favor cara a outro veciño e por non informarlle a tempo do procedemento aberto na súa contra, Blanco derrubou a súa vivenda en marzo de 2018 para non facer fronte, dixo entón, ás multas da APLU que se lle virían amais mentres agardaba por unha modificación urbanística que puidese regularizar a situación da súa vivenda.

O afectado formulou contra o Concello unha reclamación de responsabilidade patrimonial que foi desestimada por silencio, acudindo despois á Xustiza. O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 da Coruña desestimou a súa petición e Blanco apelou a decisión ao TSXG.

En esencia, o vimiancés cre que a sentenza non valorou «a incidencia da actuación municipal» no caso e que desde o consistorio informóuselle «erroneamente» sobre a cualificación do terreo. No recurso defende que existe unha «incidencia causal entre a información do Concello e o dano» e que ese «anormal funcionamento municipal» debería implicar unha «concorrencia de culpas». Así, solicita no texto que se condene ao Concello a indemnizarlle con 260.918,71 euros: 170.000 polo que lle custou a construción da casa, 8.569,33 polo que tivo que pagar por demolela, 12.000 por danos morais e outros conceptos relacionados co pagamento de impostos, acometida eléctrica ou traballos técnicos, entre outras cousas.

O Concello, pola súa banda, argumenta que a licenza que se lle concedeu no seu día foi en base a un proxecto no que figuraba un emprazamento concreto «ao que non se axustou a construción» e que a demolición non deriva dun erro municipal, «senón dunha actuación imputable ao recorrente ou aos técnicos que interviñeron na dirección das obras».

Os maxistrados, no seu fallo, coinciden en sinalar que a licenza outorgada en 2007 non foi anulada e que a construción se fixo nun lugar diferente ao que figuraba no permiso. Si concordan con que o Concello obrou mal e que se a súa actuación fose diferente talvez se puideron paralizar as obras nun estado máis prematuro e, así, minorar o prexuízo causado. Con todo, consideran que iso non resultou determinante no comportamento do dono da vivenda.

Deste xeito, desestiman o recurso do vimiancés e confirman integramente a sentenza do Contencioso.