O Xiria proclámase campión matemático sen saír a xogar

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Balonmán | O empate do Lanzarote deixoulles o título en bandexa

08 may 2021 . Actualizado ás 19:35 h.

O Calvo Xiria de balonmán xa é campión de Primeira Nacional (grupo A). Xogará a antepenúltima xornada de liga este domingo ás 12.30 horas no Gatañal fronte ao Luceros, da zona media. No entanto, o empate do segundo clasificado, o Lanzarote, que xogou este sábado en Vecindario (28-28), xa lles deixou o título en bandexa. Os carballeses lideran a táboa con 47 puntos, catro máis que o conxunto canario, ao que tamén lle gañan na gol average particular.

O técnico do conxunto verde, Adrián Dubra, comentou este sábado estar contentos polo campionato anticipado, aínda que sinalou: «Nós xa fixemos o traballo antes». No entanto, xa avisa de que este domingo viaxarán a Cangas do Morrazo (Pontevedra) coma se en realidade xogar quedar campións, que era o que inicialmente tiñan previsto: «Imos seguir centrados, coa mesma idea que tiñamos, pois temos a fase aí».

Refírese á liguiña de ascenso, para a que lograron clasificarse tamén de forma matemática na anterior xornada. O feito de resultar campións xa lles asegura mellores rivais para que o soño de dar o salto a División de Honra Prata resulte, a priori, máis factible.

A fase será a primeira fin de semana de xuño . Agora xa saben que se medirán a un primeiro e a dous segundos clasificados, aínda que a incógnita segue sendo a cales, pois a formación dos tres grupos de catro será por sorteo puro (ascenden os que resulten campións). É a sétima fase de ascenso que disputará o club e o terceiro título en Primeira Estatal na súa historia de 33 anos.

Os verdes chegan á nova cita cunha mellor dinámica que o rival. O adestrador carballés, ademais, ten a todo o persoal dispoñible, coas excepcións habituais de Ramón Suárez-Pumariega e Iván Amarelle (este último chegou para cubrir ao outro xogador na fase).

«As transicións serán unha das partes máis importantes neste partido, xa que os locais conceden poucas opcións de contraatacar. O Xiria deberá optimizar as oportunidades que teña», explicou Dubra, que engadiu: «Pola contra, terá que ter eficacia no balance defensivo e frear a primeira onda local».