Forza Bergan!

Rubén Lorenzo Gómez TRIBUNA ABERTA

CARBALLO

BASILIO BELLO

Escribe Rubén Lorenzo, parlamentario e concelleiro do Partido Popular

09 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Quero transmitir os meus parabéns a toda a familia do Bergantiños FC que vén de selar o desexado ascenso a 2ª RFEF. Esta tempada histórica rematará hoxe no Carballiño, fronte ao Arenteiro, con opcións de pór un broche de ouro á campaña, acadando o campionato de Terceira División.

Acontece isto nun momento chave, no que se está a redefinir a estrutura da competición do fútbol no noso país, coa importancia que terá pertencer á elite do fútbol galego e nacional.

Este raio de luz é o resultado de moito traballo desenvolto, durante anos, por persoas que levan con moita honra pertencer ao club deportivo máis senlleiro e veterano desta comarca. Unha figura determinante deste éxito é, sen dúbida, Luciano Calvo, catalizador de todo o deporte en Carballo e, con máis enerxía, do Bergantiños FC. Un home coas ideas claras que combina o coñecemento deste deporte cunha xestión económica moi eficiente e unha alta esixencia, presentando en competición 27 equipas e preto de 500 fichas que, en conxunto, forman unha das maiores estruturas deportivas de Galicia (engadindo á SD Sofán como filial), por número de licenzas e por masa social.

Unha situación deportiva conforme á importancia que ten unha vila como a nosa, conferíndolle oportunidades de recoñecemento, de comunicación e de expansión da marca Carballo nos medios, e aportándolle pulo á actividade económica, hostaleira e turística coas visitas das equipas e dos seus seareiros.

Porén, tamén hai sombras sobre este escenario prometedor. O Bergantiños afronta esta aventura cunha importante eiva que reside nunhas instalacións impropias para esta categoría. Situación que, como xa vimos no pasado recente, obrigou a celebrar un dos partidos máis importantes da súa historia --eliminatoria da Copa do Rei contra o Sevilla FC- fóra do noso concello. Un risco inaceptable que non nos podemos permitir nunha competición deste nivel, escaparate nacional para moitas vilas coma a nosa.

Isto lastra o futuro dun proxecto deportivo gañador, xa que a inexistencia dun terreo de xogo axeitado bloquearía o ascenso de categoría. O Bergan entrando no seu centenario, tense que conformar con facer un equipo de media táboa. Unha limitación que, de estar na nosa situación, non terían localidades da nosa contorna.

O apoio municipal nesta materia ten que ser claro e sen matices. O Bergan está nunha encrucillada e precisa dunha resposta clara do corpo social de Carballo, e, prioritariamente, do Concello. A historia, o presente e o futuro así nolo demandan. Forza Bergan, dálle lume!

Rubén Lorenzo Gómez é parlamentario de Galicia e concelleiro do Partido Popular na corporación municipal de Carballo.