Xornada emocionante en Terceira, Preferente e Segunda galega

M. R. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

O Sofán, que lidera a máxima categoría rexional, recibe ao segundo, o Victoria Cf

09 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Conclúe a primeira volta na fase da permanencia en Terceira Nacional de fútbol con dous encontros a domicilio para o Fisterra e o Paiosaco. O primeiro equipo, que está a oito puntos da salvación, medirase ao Ribadumia, que o supera na táboa, na Senra. Son baixa Aarón López e Pablo Vigo, por sanción. Doutro lado, o conxunto verdibranco, que é segundo pola cola, viaxará ao Couto para enfrontarse ao líder, o Ourense CF. Todo o que non sexa gañar pódeo descender xa, segundo outros resultados. Ambos os partidos serán ás 17.30 horas.

Doutro lado, en Preferente, o líder do grupo norte A, o Sofán, recibe no Carral ao segundo, o Victoria CF, ao que lle saca tres puntos. Pola súa banda, o Laracha, pechacancelas, enfrontarase no municipal a un rival directo na zona baixa, o San Tirso. Conta coa baixa de Martín Pallas. Os dous encontros da décima xornada serán ás 17.00 horas.

A Segunda galega feminina trae o primeiro derbi histórico entre o Bergantiños, que lidera o grupo B, e o Cerqueda, segundo pola cola. Será no anexo das Eiroas ás 17.30 horas e pechará a primeira volta.