Afortunados

Natalia Lema Otero ECOS DÁ GÁNDARA

CARBALLO

03 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Non é igual nacer no primeiro mundo ca no segundo ou no terceiro. Imaxinar a desolación da xente india, vendo incinerar os seus nas rúas, sendo este país a farmacia do mundo, debe ser todo impotencia. O pasado sábado, fun con miña avoa a recibir a segunda dose de Pfizer. No egoísmo perpetuo que consome a todos os mortais, escolleríaa a ela entre millóns de persoas. Non porque a mereza máis ca ninguén, simplemente por ser miña avoa.

O Hospital Virxe da Xunqueira era o exemplo de que pode existir unha boa organización na inoculación. Entre os nervios propios dunha xornada así, é imprescindible achar o sorriso cómplice da enfermeira que intenta aliviar as dúbidas namentres a agulla incorpora o líquido. Cantas veces seguro repetiron as mesmas palabras coma unha cacofonía ata quedaren exhaustas despois dunha ardua xornada de traballo. Penso que todos sabíamos que as vacinas non ían chegar a todo o mundo por igual. Sería de inxenuos pensar o contrario. Sabemos que hai cousas que funcionan da mesma forma ca no propio imperialismo, o acceso a saúde é unha delas. Supoño que o gran reto do S. XXI, a diferenza do que pensa a xente, non é o cambio climático nin a premisa de alongar a vida. A verdadeira loita, que incidiría sobre as anteriores, sería globalizalo, non a modo de capitalismo, senón dándolle as mesmas oportunidades de vida a unha persoa occidental e a outra das súas antípodas. Que afortunados somos sen sabelo no noso Estado de Dereito.

Cando agardábamos no salón de actos do hospital os quince minutos de protocolo, un señor dixo que, dado que estábamos sentados en butacas, xa nos podían poñer unha película. Pensei no meu maxín que para película de terror a de este annus horribilis.