O Tribunal Superior anula o ERTE que aplicou Xeal derivado da pandemia

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Cedida

Foi realizado entre abril e xullo do ano pasado. A empresa deberá abonar aos traballadores os salarios que deixaron de cobrar

17 abr 2021 . Actualizado ás 23:34 h.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou o expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) que a empresa Xeal (antiga Ferroatlántica) aplicou nas fábricas de Cee e Dumbría, e nas centrais hidroeléctricas entre o 21 de abril e o 3 de xullo do ano pasado. Segundo acaba de dar a coñecer a CIG, o fallo atribúelle á compaña «mala fe negociadora» e dá a razón ao sindicato, no sentido de que non existían causas organizativas (derivadas da pandemia) que o xustificasen, e que o que pretendía a dirección era «aproveitarse da pandemia para aforrar cartos e avanzar no plan de recorte da producción».

Esta anulación do ERTE supón que Xeal debe pagar aos traballadores os salarios que deixaron de percibir durante esas semanas no paro, ademais de reintegrar todas as prestacións de desemprego que abonou o SEPE.

Para a CIG, «a sentenza constata a mala fe da empresa durante todo o período de consultas ao non facilitar toda a documentación requirida pola parte social para o desenvolvemento das negociacións e incluso critica a conduta de Xeal por ocultar información de relevancia como a substitución da produción do forno 14 (de silico manganeso) polo forno 12 (de ferro silicio). Este cambio produtivo executouse o día despois de rematar o período de consultas (20 de abril de 2020), malia que a empresa xustificaba o ERTE en que ía concentrar toda a produción ordinaria en dúas unidades produtivas, pero con esta mudanza dende o 21de abril xa non habería produción de silico manganeso na fábrica de Cee».