Visita virtual con Sogama ao complexo industrial de Cerceda

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Jose Manuel Casal

A iniciativa hase posto en marcha para conmemorar o Día Mundial da Educación Ambiental

26 ene 2021 . Actualizado ás 22:12 h.

Sogama puxo en marcha nas últimas horas, como forma de conmemorar o Día Mundial da Educación Ambiental, unha visita virtual ao seu complexo industrial en Cerceda. É unha proposta pensada para todos os públicos, pero, tal e como trasladan, orientada sobre todo a mozos de entre 12 e 18 anos. A iniciativa pretende dar continuidade ao programa de visitas á compaña, que tiveron que ser suspendidas en marzo debido ao coronavirus. «Un mozo e unha moza describen, dunha forma amena e divertida, a xestión de residuos urbanos no modelo Sogama: desde que se producen nos fogares ata que reciben o tratamento correspondente: reciclaxe, no caso da parte susceptible de ser recuperada por esta vía, ou valorización enerxética, no caso da fracción non reciclable», explicaron desde a compaña.

Estes relatores van incidindo na importancia de separar correctamente os residuos en casa e de depositalos nos colectores correspondentes para que así poidan ser convertidos en novas materias primas, aforrando enerxía e tamén materias primas virxes. Insisten, tamén, na necesidade de concibir os residuos como recursos que forman parte dun modelo de desenvolvemento articulado ao redor da economía circular. O obxectivo será, pois, o máximo aproveitamento.