Os concellos da zona con aeroxeradores reciben 600.000 euros como compensación ambiental

Santiago Garrido Rial
S. G. Rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

O alcalde de Dumbría, coa cifra máis alta, quéixase de que cada ano a cantidade é inferior

26 ene 2021 . Actualizado ás 16:47 h.

Os concellos da zona que teñen algún aeroxerador nos seus montes recibirán 606.000 euros en total a cargo do Fondo de Compensación Ambiental, unha pequena parte (pouco máis do 20 %) do canon eólico que pagan as empresas á Xunta, e que adoita investirse en obras relacionadas co medio ambiente. Para ver o que lle toca a cada un mídense dous aspectos: a lonxitude das liñas eléctricas en cada parque e o número de muíños. Un criterio que tivo sentido no seu momento, pero cada vez menos: recíbese o mesmo diñeiro por un muíño de 30 metros, dos de fai máis de vinte anos, que por outro de máis de cen, os actuais. E os municipios que tiñan un gran número de aeroxeradores e hanse repotenciado, mantendo a mesma potencia, pero con moitos menos postes, viron como os seus ingresos caían drasticamente. E máis que farano, porque o proceso aínda non acabou: tras Vilán, Barizo e o Pico de Meda, falta O Roncudo, que acumula xa moito atraso fronte aos prazos previstos. Ao mesmo tempo, creáronse novos parques que aínda non aparecen na listaxe, e durante este ano chegarán outros. Por exemplo, a Vimianzo asígnanselle 74 muíños, cando en realidade son máis: só o parque de Monte Redondo ten 66; o do Barrigoso, dous: o de Miñón, seis, e o de Monte Tourado-Eixe, once. Os dous de Muriño (mal denominado Mouriños), non aparecen (corresponden a Cabana), nin os dous de Laxe. A relación, que pode verse nun anexo do Diario Oficial de Galicia de onte, suma 382 aeroxeradores na comarca, pero en realidade son máis, en total un 10 % dos 4.048 de Galicia. E a cantidade total recibida é de algo máis de 606.000 euros. O alcalde de Dumbría, coa cifra máis alta, quéixase de que cada ano a cantidade é inferior.