A EPOC

Natalia Lema Otero ECOS DÁ GÁNDARA

CARBALLO

25 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

As persoas que ingresan nunha UCI por covid-19 teñen a maioría unha diagnose de pneumonía bilateral. Moitos deses casos respiran dificultosamente e, ás veces, grazas a un respirador artificial.

Imaxínense vivir toda a vida con esa sensación de afogo e falta de aire en sangue, hipoxia. Que, o simple xesto de subir unhas escaleiras ou camiñar un anaco, sexa infernal. Poderiámolo imaxinar pero existe, chámase EPOC (Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica). Divídese en dúas grandes enfermidades á vez, a bronquite crónica e o enfisema pulmonar. No meu caso, teño unha persoa achegada que padece enfisema, a destrución continuada dos seus alvéolos pulmonares. Explicado en termos xerais é coma se os nosos pulmóns tivesen milleiros de globos que pasan o osíxeno e que, cunha agulla afiada, os fósemos estourando todos.

En España, a EPOC é a cuarta causa de mortalidade e, ao ser un mal dexenerativo, as terapias unicamente impiden unha progresión; o dano pulmonar é simplemente irreparable. Máis aló dos inhaladores de cortisona, apenas hai tratamento. A raíz do problema reside nun dos hábitos cotiás e máis nocivos aos que nos adoitamos enfrontar na nosa adolescencia precoz por presión social: o tabaquismo.

Por iso, renego bastante da xente que pensa que é unha práctica inocua e sen consecuencias. Unha vida de cigarros enfróntanos posiblemente a unha vellez onde cada respiración é un acto de vitoria. Un esforzo por continuar vivindo.

Fumar é unha decisión persoal e intransferible. Nada máis que teñan en conta que, segundo un estudo do ano 2018, no noso país falece unha persoa cada vinte minutos por EPOC e estou segura que moitos dos que len este artigo agora mesmo nunca escoitaran falar desta patoloxía.