Preto dun milleiro de hostaleiros beneficiaranse de máis de 1,6 millóns do Plan de Rescate da Xunta

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

En Carballo repartirase máis de medio millón de euros entre 300 solicitantes

24 ene 2021 . Actualizado ás 13:46 h.

A Xunta de Galicia repartiu máis de 1,6 millóns de euros entre hostaleiros de toda a Costa da Morte como parte do Plan de Rescate posto en marcha para paliar os efectos que a crise do covid está a causar neste sector. Informou diso o delegado territorial, Gonzalo Trenor, á vez que explicou que, desde o inicio da pandemia, o Goberno autonómico deseñou «tres liñas de apoios complementarias entre si» das que se puideron beneficiar establecementos de restauración, bebidas e aloxamentos. Autónomos e microempresas, e especificamente a hostalería, puidéronse beneficiar.

Un total de 971 solicitudes foron aprobadas de establecementos do sector nas comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra, máis o Concello de Cerceda. Carballo foi o concello que levou o maior belisco, con 305 axudas concedidas que suman máis de medio millón de euros. En Vimianzo aprobáronse 100 (165.275 euros) e na Laracha, 93 (155.600). En Malpica, Ponteceso e Cee máis de 60 hostaleiros recibiron este respaldo económico.

Gonzalo Trenor tamén fai mención ao xa anunciado segundo Plan de Rescate para autónomos, microempresas e hostalería, debullado polo presidente Núñez Feijoo esta mesma semana. Estará dotado cun mínimo de 50 millóns de euros, que se sumarán aos 86,2 do primeiro plan, «do que a maior parte xa está pagado», recalcou.

«A Xunta vai seguir poñendo os cartos que sexan necesarios», incidiu Trenor, «asumindo a nosa responsabilidade, porque non podemos condicionar as nosas axudas a que outras Administracións tamén respondan ás solicitudes do sector», engadiu.

O representante gobernamental fixo referencia, así mesmo, á proposta do sector e o Goberno autonómico de crear un fondo de cooperación covid-19 que materialice o traballo conxunto de diferentes administracións: a Xunta suxire achegar o 50 %, as deputacións o 30 % e os concellos, o 20 % restante. «Todas as Administracións teñen que colaborar coa hostalería e temos que facelo de forma conxunta. É o momento de actuar con altura de miras, máis aló de cores políticas ou debates estériles sobre competencias», recalcou Trenor, que prometeu ao tecido empresarial compensacións polo «descomunal esforzo» que se lles está pedindo novamente.

 Concello Importe (nº axudas concedidas)
 Cabana 56.175 (40)
 Camariñas 21.075 (10)
 Carballo 532.300 (305)
 Cee 110.625 (65)
 Cerceda 33.775 (14)
 Corcubión 25.200 (11)
 Coristanco 60.325 (43)
 Dumbría 46.675 (28)
 Fisterra 78.300 (34)
 A Laracha 155.600 (93)
 Laxe 49.250 (39)
 Malpica 88.275 (67)
 Muxía 80.375 (47)
 Ponteceso 83.825 (64)
 Vimianzo 165.275 (100)
 Zas 22.500 (11)
 Total 1.609.550 (971)