As prácticas de alumnos do Monte Neme en Sogama empezarán en abril

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A sociedade e Valtalia recibirán a estudantes deste centro, seguindo co convenio asinado coa Consellería de Educación

22 ene 2021 . Actualizado ás 21:49 h.

Sogama e Consellería de Educación teñen subscrito un convenio para o desenvolvemento dun proxecto piloto de Formación Profesional Dual. Tanto a sociedade como a firma Valtalia comprometéronse a acoller en prácticas a alumnos do instituto Monte Neme de Carballo. Este venres 22 de xaneiro, con todas as medidas de seguridade, levou a cabo unha reunión de coordinación para concretar o papel que desempeñará cada parte. «O proxecto curricular deseñado xira en torno á Mecatrónica industrial. A nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa, que opera en liña coa industria 4.0 baixo a xestión directa de Valtalia, constitúe o escenario idóneo para que os mozos poidan aplicar os coñecementos adquiridos durante os primeiros meses de actividade escolar», traslada Sogama.

Combinarase o ensino no instituto carballés e nas propias instalacións da sociedade ambiental, coa idea de que os estudantes adquiran as competencias necesarias na súa área de especialización para acceder ao mercado laboral «con maiores oportunidades e garantías». Javier Domínguez Lino , presidente de Sogama, deu a benvida ao grupo, satisfeito de participar na formación de futuros profesionais. José Manuel Pallas, técnico de asesoría xurídica e responsable de seguridade da sociedade, será o encargado de facer o seguimento da colaboración.

Os mozos puideron tomar parte nunha visita guiada á nova planta de recuperación de materiais. Serán dous os alumnos que farán prácticas en Sogama, aos que a compaña sufragará o importe das bolsas. En principio, comezarán en abril, ata agosto do 2022.