A Deputación destina preto dun millón de euros á creación de emprego xuvenil na provincia

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

CEDIDA

Todos os concellos da zona, excepto A Laracha e Carballo, cumpren os requisitos poboacionais para participar nestas dúas liñas de axuda

21 ene 2021 . Actualizado ás 16:19 h.

Desde as dúas da tarde deste venres estará aberto o prazo para as novas liñas de axuda da Deputación para fomento do emprego e autoemprego xuvenil. O ente provincial destinará ás dúas liñas 921.000 euros, financiados nun 80 % con fondos europeos.

Os destinatarios destas axudas son mozos menores de 30 anos que vivan en municipios de menos de 5.000 habitantes, ou ben en concellos de entre 5.000 e 10.000 peros que teñan saldo vexetativo negativo.

A liña PEL-Substitución, por unha banda, permitirá a contratación indefinida a tempo completo de ata 80 mozos en empresas e microempresas da provincia. As axudas oscilarán entre un mínimo de 2.700 euros e un máximo de 28.500. Pediráselles aos candidatos que estean inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e que estean empadroados nalgún dos municipios que reúnen as condicións poboacionais especificadas pola Deputación. O prazo permanecerá aberto ata o 31 de decembro do presente ano.

Pola súa banda, a liña PEL-Rurinnova promoverá o autoemprego e a creación de novos proxectos con achegas de entre 4.050 e 8.100 euros. As axudas deste apartado poderán solicitarse ata as 14.00 horas do 30 de abril.

Mozos da práctica totalidade dos concellos da Costa da Morte poderán concorrer a estas subvencións: Cabana, Cerceda, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Laxe, Muxía e Zas por ter menos de 5.000 habitantes; e Camariñas, Cee, Coristanco, Malpica, Ponteceso e Vimianzo por ter menos de 10.000 veciños e saldo vexetativo negativo.