O torpedo submarino

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira FOSE DE XOGO

CARBALLO

14 oct 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Trátase do último berro no mercadeo ilegal de marisco na Costa da Morte: un dispositivo que permite esquilmar todo o que un se atope por diante e facelo diante do fuciño dun avezado vixiante, quen, prismáticos en man, cre que todo está tranquilo cando a escasos metros lle están roubando a carteira.

Mentres os mariscadores andan ás carreiras xogándose a vida por un puñado de percebes, o torpedo submarino é todo o contrario: permite limpar unha pedra nun dicir amén, sen facer ruído e, o máis importante, e aínda que resulte paradoxal, respectando o medio ambiente porque funciona cunha batería de 12 voltios. Cando o mariscador con permex baixa ás pedras para gañarse uns euros cos que dar para comer á súa familia e pagar o colexio dos seus fillos, atópase que non hai nada que apañar porque os mellores crustáceos hanse evaporado a golpe de rasqueta co apoio inestimable do torpedo submarino. Ese cobizado percebe xa foi vendido a algún restaurante de renome, cuxo chef os ofreceu no reservado a 200 euros o quilo a uns incautos comensais con alto poder adquisitivo. Quen di percebes, di santiaguiños, lagostas, bogavantes, centolas, nécoras.... O torpedo submarino non entende de especies, o mesmo que o furtivo que o leva. A 30 metros de profundidade todo é posible. O furtivismo é sinónimo de rendibilidade: invístese 2.000 euros e nunha xornada de traballo xa se amortizou. A partir de aí todo é ganancia neta. Visto o visto en Muxía este luns é máis rendible que ser construtor.