Paneis electrificados protexen ás abellas do voraz ataque da velutina

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

É un dos sistemas máis utilizados por parte dos apicultores, aínda que é custoso

08 jul 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Os apicultores da Costa da Morte ven moi negra a campaña do mel para este ano. As abundantes choivas dos últimos meses lastraron a colleita, e as temperaturas cambiantes están resecando unha xa de seu escasa floración. As abellas non teñen que comer, literalmente.

E ese non é o único obstáculo ao que han de facer fronte os apicultores, que nos últimos anos tivéronllas que ingeniar para protexerse da depredadora velutina, que ten como principal manxar a abella de mel.

Non afectan a todas as zonas por igual. Por exemplo, en Olveira, onde Evaristo París ten o seu centenar de colmeas, non hai apenas incidencia: «Ao estar tan preto do embalse da Fervenza é unha zona bastante fría. Eu téñolle algunha trampa para collelas na primavera, pero nada máis», comenta o apicultor.

Onde si atacan con voracidade é en Bergantiños, onde Alberto Pose ten as súas 300 colmeas. Hai moitos xeitos de protexer ás abellas do seu feroz depredador, pero a máis efectiva, segundo Pose, son as arpas eléctricas, un mecanismo custoso pero efectivo que aparva ás avespas sen chegar a exterminalas totalmente.

Trátase de cables electrificados unidos a un marco feito habitualmente en PVC. A separación entre os filamentos está estratexicamente estudada para que só a velutina reciba unha descarga ao pasar entre eles. A abella, explica Alberto Pose, mide de longo coas ás estiradas 1,8 centímetros, co que ao pasar entre os cables só roza un deles, se é que os chega a tocar. A velutina, pola súa banda, é algo máis longa e acada os 2,5 centímetros, facendo contacto cos dous filamentos entre os que pasa e recibindo unha descarga eléctrica que, aínda que non chega a matala, si actúa como elemento disuasorio para que non volvan aproximarse á zona.

«A día de hoxe é moi raro que morra unha colmea por velutina», sinala Pose, que asistiu a numerosos cursos formativos para prepararse na materia. Con todo, o prezo fai que moitos afeccionados «se boten para atrás» á hora de adquirir estes equipos de protección. O apicultor calcula que o investimento é de entre 400 e 500 euros por cada vinte ou trinta colmeas. Fai falta liquidez, pero tamén compromiso con esta actividade para sacala adiante e gañar polo menos para cubrir custos. «Hai que estar moi amais das avellas. Coa chegada da velutina esa xente que as tiña pero que as ía ver unha vez ao mes e as mantiña desatendidas acabou desfacéndose delas cando lle empezaron a morrer coa velutina. Hoxe en día ou as coidas, ou non as tes», detalla Alberto.

Sulfatos

A este apicultor de Coristanco preocúpanlle máis os herbicidas que aplican en leiras anexas e que acaban matando colonias enteiras. Pasoulle o ano pasado en Cances: «Andiveron sulfatando e matáronme 28 de 36 colmeas. Sorte que as tiña aseguradas, pero é unha auténtica lotería: pode pasarche en calquera lado, e a maioría das veces é a propia Administración a que os emprega», lamenta. Este tipo de produtos atontan ás abellas: «É como se as drogase e despois non saben nin volver á casa. Acaban por morrer», engade Pose.

Múltiples perigos axexan a un sector que a maioría ten como complementario a unha actividade principal, ao non ver nel unha posibilidade real de negocio.

A velutina é un deles, e aínda que a campaña de trampeo foi moi exitosa aínda está por ver o alcance real desta praga durante o verán, época de maior virulencia. Só entre os concellos de Carballo e Camariñas lograron capturar durante a primavera máis de 25.000 exemplares de raíña, o que significan outros tantos niños que non chegarán a formarse durante a tempada estival.