Mar licita estudos e proxectos de dragaxe en varios portos de a Costa da Morte

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

A actuación, por 1,6 millóns, contempla traballos para unha trintena de peiraos autonómicos

05 jul 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A Consellería do Mar, a través do organismo Portos de Galicia, vén de iniciar o expediente de licitación do servizo de redacción de estudos ambientais e proxectos de dragaxe para diversos portos autonómicos, entre eles varios da Costa da Morte. A actuación ten un presuposto base global de 1,6 millóns de euros e contempla traballos técnicos para unha trintena de peiraos.

«Dado que a gran maioría das actuacións para infraestruturas portuarias que afectan á lámina de auga precisan de tramitación ambiental, e ante a necesidade de acometer actuacións de dragaxe e recuperación de calado nun gran número de portos a curto e medio prazo, é preciso dinamizar os traballos técnicos previos cunha visión conxunta. Por este motivo, Portos de Galicia ten iniciada a contratación do servizo de redacción destes traballos. A día de hoxe téñense detectado necesidades neste sentido en 10 portos da costa cantábrica, 15 na provincia da Coruña e sete da provincia de Pontevedra. Na zona norte, realizaranse estudos técnicos sen carácter exclusivo para portos como Burela, Cariño, Cedeira, Foz, O Barqueiro, A Pobra, Camariñas, Malpica, Pontedeume, Portosín, Rianxo, Testal, Meloxo, Corbaceiras-Pontevedra ou Tragove», apuntan desde a Consellería.

O prazo deste servizo será de dous anos e o expediente de licitación contempla a posibilidade de prórroga por un terceiro, en función das necesidades do traballo de campo. As bases da licitación poden atoparse na páxina web de Portos de Galicia, así como na plataforma xeral de Contratos de Galicia.