Carballido di que a Xunta lles deixou tirados cos preparativos das eleccións

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Basilio Bello

O alcalde asegura que ten ao seu persoal municipal ocupado en adaptar os locais electorais cando poderían estar facendo outros traballos tamén importantes

04 jul 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, quéixase pola escasa axuda recibida por parte da Xunta para os preparativos das próximas eleccións autonómicas.

Asegura que o persoal municipal está «saturado» acondicionando os locais electorais de acordo a todas as medidas esixidas, «cando tiñamos que estar desbrozando e montando todo o material das praias», dixo Carballido. «A Xunta convoca, pero o marrón cómeno os concellos. Eles limitáronse a contratar un aparellador para dicir o que hai que facer, pero o traballo faino o Concello», lamentou o primeiro edil.

E é que o novo protocolo obriga a retirar todos os libros, empapelar os andeis, situar plástico e retirar da vista todos os xoguetes, libros e papeis. Tamén hai que colocar mesas con xel hidroalcohólico, dispor de bandexas para que os votantes depositen os seus DNI e mover as cabinas de voto que, ao non poder contar con cortinas, hai que cambiarlles a orientación para que se garanta a privacidade.