Polémica entre o BNG e o Concello polo uso da Garga para un acto electoral

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

Segundo o BNG, a día de hoxe o consistorio non resolveu por escrito a solicitude alegando que A Garga non está designado como local e que é a xunta electoral de zona a que debe resolver esta petición

02 jul 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A responsable do BNG en Ponteceso, Lucía Veciño, criticou a negativa do Concello á cesión do parque da Garga para un acto que os nacionalistas tiñan previsto para o sábado. Segundo o BNG, a asemblea local solicitou o 8 de xuño por rexistro electrónico o espazo da área recreativa para un acto enmarcado na campaña electoral «con todas as medidas e garantías de seguridade».

Segundo o BNG, a día de hoxe o consistorio non resolveu por escrito a solicitude alegando que A Garga non está designado como local e que é a xunta electoral de zona a que debe resolver esta petición. Os nacionalistas entenden que non é a xunta electoral de zona quen ten que decidir «pois a área recreativa da Garga non é un espazo electoral» e é o Concello «quen ten plenas competencias e non pode denegar un espazo público sexa, ou non, con fins electorais, sempre e cando a solicitude cumpra coa legalidade».

O alcalde, Lois García Carballido, dixo que a decisión de ceder, ou non, a contorna da Garga depende da xunta electoral de zona. E argumentou: «No seu momento ninguén propuxo A Garga como espazo de uso electoral. Á xunta electoral de zona propúxolle os espazos para a colocación de publicidade e a celebración de actos políticos que xa foran nas anteriores eleccións. Todo iso publicouse no Boletín Oficial da Provincia».