Sexto falecido polo coronavirus na Costa da Morte

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

O Virxe de Xunqueira mantén a cifra de 13 ingresados por segundo día consecutivo

02 abr 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Sexto falecido na Costa da Morte polo coronavirus. Trátase dun home de 86 anos de idade, veciño do municipio Carnota, que levaba ingresado varios días no complexo hospitalario Virxe de Xunqueira de Cee. E, por desgraza, volveuse a confirmar o perfil de vítima mortal que deixa esta terrible pandemia: home e de máis de 80 anos de idade, coa triste excepción da carballesa de 37 anos, quen perdeu a vida, xunto co bebé que estaba a xestar (saía de contas a finais de abril), no materno-infantil da Coruña o pasado domingo e que, segundo a familia, non sufría patoloxías crónicas previas ao seu ingreso hospitalario, a pasada fin de semana. Os achegados continúan á espera de que se lles faga entrega do informe hospitalario no que se indique as causas exactas do falecemento desta muller, cuxo óbito causou unha gran consternación en Carballo, onde a súa familia é moi coñecida e apreciada. Segundo apuntaron desde a contorna, o único que se sabe deste caso é que a morte se debeu «a parada cardiorrespiratoria, motivo COVID-19».

Por outra banda, a área integrada da Coruña e Cee facilitou os datos de ingresos no Virxe de Xunqueira. E ao peche desta edición eran 13 os hospitalizados en planta -o centro sanitario non dispón de uci-, illados e seguindo o tratamento estandarizado para esta doenza. Trátase da mesma cifra do martes, o que significa que se mantén a tendencia á alza con respecto á semana pasada.

Confirmados outros tres novos positivos en Muxía e outros tres en Malpica

A cifra exacta de persoas, residentes na Costa da Morte, que deron positivo por COVID-19, continúa sendo todo un misterio, mesmo para os concellos da zona, cuxos alcaldes mostraron o seu malestar coas autoridades sanitarias por non ser un pouco máis transparentes e transigentes neste tema. «Pódesenos axudar sen ter que dar datos persoais. Con dicir o lugar de residencia, chega. O noso obxectivo, como concello, é axudar a estas persoas, comprobar se precisan algo, non entrar nas súas vidas privadas», argumentou onte o rexedor de Muxía, Iago Toba.

En todo caso, os datos saen a contagotas e onte confirmáronse, como mínimo, outros seis positivos na Costa da Morte: tres en Malpica e outros tres en Muxía.

No caso de Malpica trátase dun matrimonio e unha muller. Con estes tres casos, son 8 os positivos (tres homes e cinco mulleres) confirmados no municipio malpicán. No caso de Muxía acreditáronse outros tres casos máis, dúas mulleres e un home, e nalgún caso quedaría confirmado que o contaxio produciuse durante unha recente viaxe do Imserso a Benidorm.

Máis de 60 afectados

Con estes seis casos, son xa máis de 60 os contabilizados na Costa da Morte. Por sorte, na maior parte deles, os afectados vanse recuperando nos seus propios domicilios, aínda que hai outros nos que houbo que derivar aos pacientes á unidade de coidados intensivos do Chuac ou ao Virxe de Xunqueira.

O Concello muxián aumenta os fondos para urxencia social ante a previsión de que se prolongue o estado de alarma

O Concello de Muxía incrementará as axudas en urxencia social para garantir a defensa dos colectivos máis vulnerables no caso probable de que se prolongue o estado de alarma. Así o confirmou o alcalde, Iago Toba: «Estamos en todo momento falando con intervención, e en casos de extrema emerxencia, como o que vivimos, non existe límite na consignación orzamentaria».

Para iso, o equipo de goberno pensa tirar do remanente acumulado nos orzamentos municipais dos últimos anos: «Ampliarase, en todo caso, a cobertura a todos os niveis para que as nosas veciñas e veciños estean protexidas ante a crise sanitaria que estamos a vivir», comentou o mandatario.

BNG Costa da Morte

Por outra banda, o BNG da Costa da Morte, a través dun escrito presentado polo coordinador, Serxio Domínguez Louro, propón unha batería de medidas para o conxunto dos concellos da zona, cuxo obxectivo é defender e apoiar a aqueles colectivos máis vulnerables, como os maiores dependentes, os afectados polo COVID-19 e os seus achegados e aquelas persoas que se quedaron no paro por culpa dos expedientes de regulación de emprego temporal (ERTE). O BNG presentou este documento, que inclúe varios apartados: información e comunicación, potenciación do voluntariado (creación dun rexistro de psicólogos, profesionais da área sanitaria e traballadores sociais), medidas sociais como o reforzo do SAF, implementación de medidas para protexer ás vítimas de violencia machista, plans para protexer ao persoal municipal, iniciativas fiscais, como adiamento de impostos e taxas e un plan de reactivación económica.