Feijoo elixiu Cabana para presentar o plan de vivenda da Xunta do 2020

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

Coa visita do presidente arrincou o ano electoral na Costa da Morte

28 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Alberto Núñez Feijoo presentouse onte en Cabana nunha visita que podería considerarse de arranque do ano electoral na Costa da Morte. Coa escusa da rehabilitación de seis das que eran as vivendas dos mestres, o presidente da Xunta presentou o plan de vivenda do Goberno autonómico para este ano. Remachou que daba a coñecer o seu programa nesta materia desde un municipio eminentemente rural enumerou cada unha das liñas de axudas que se farán públicas ao longo do primeiro trimestre deste ano.

A peculiaridade da lei de rehabilitación, que é pioneira en España, e o rexistro de vivendas baleiras para cubrir as necesidades de familias con dificultades foron os principais argumentos. O presidente da Xunta visitou as obras dos seis pisos, de entre 75 e 81 metros cadrados de superficie útil que serán xestionados polo Concello para familias sen recursos ou con dificultades puntuais, como é o caso dun desafiuzamento.

Tamén insistiu na rehabilitación, na necesidade de recuperar vivendas en lugar de construír unhas novas. Fíxoo desde a planta superior da casa que hai no paseo marítimo, que é de propiedade municipal. Unhas vistas soberbias da enseada deron pé ao presidente da Xunta a falar sobre a fermosura de Cabana e sobre toda a xente que debería estar interesada en quedar a vivir no municipio. A calidade da restauración do edificio foi a escusa perfecta para falar sobre as axudas para rehabilitación de antigas vivendas dos mestres, que están a piques de saír e que teñen para este ano unha dotación un 48 % máis elevada que a do pasado ano. En xeral, o que compete a vivenda leva 34 millóns de euros do orzamento, un 11 % máis que no exercicio anterior.

Na súa intervención, o presidente da Xunta falou de que este ano chegarán a 18.000 persoas beneficiadas polas subvencións para vivendas. Ese é o resultado de multiplicar por tres, o número de expedientes que van tramitar, uns 6.000. A prioridade son os menores de 35 anos en concellos de menos de 5.000 habitantes, pero tamén haberá apoio para os alugueiros para persoas maiores, entre outros.

Núñez Feijoo tamén falou sobre a eliminación de impostos en materia de vivenda para os que queden a vivir na zona rural. A conexión entre uns núcleos e outros é outra das principais necesidades. Lembrou que en senllas se gastou case un millón de euros en Cabana. A que enlaza a curva do Picón con Neaño.

Matilde Vilariño Pose, de Dombate, é unha das poucas copleiras que quedan. Ela ten mesmo un libro publicado, «pola Xunta» e foi unha das tres presentas que interviñeron no acto. Fíxoo despois do presidente da Xunta, ao que lle dedicou uns versos improvisados, pero moi sentidos. «Non lle vou dicir adeus, digo un ata pronto, con moito pracer agardo pronto volvelo a ver», despediuse a poetisa.

Non foi a única que caeu rendida ante o presidente. No seu percorrido entre O Picón e Neaño. Feijoo non rehuyó nin un só xesto de cariño. Mesmo agardou a que unha veciña, Jovita, baixase da súa casa para bicalo e facerse unha foto con el, tras entrar nunha carnicería para saudar a clientes e propietarios.

Na Carballa ao presidente da Xunta agardábano a maior parte dos membros da asociación Íntegro, con Adolfo López Baña, á cabeza. «Falarei con Fabiola. Tedes espazo?», lle dixo nun momento. Referíase a conselleira de Política Social e á necesidade de espazo que ten a entidade de Nantón. Houbo oportunidade non só de trasladar as necesidades, senón de manter conversacións intranscendentes. Núñez Feijoo estivo divertido cos usuarios de Íntegro e con todo aquel que se achegou a tratar con el, desde a presidenta das mariscadoras ata a responsable da xunta local contra o cancro.

Café

Tomou café na casa rehabilitada no paseo, departiu cuns e outros e acabou chegando tarde á cita que tiña prevista para as 13.30 horas na Coruña, segundo el mesmo confesou. Xa chegou 20 minutos máis tarde do programado á curva do Picón, onde arrinca a senda peonil que era o primeiro que ía ver e que cuxa obra foi exposta con todo detalle polo directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas. Tamén estivo a conselleira de Medio Ambiente, o responsable do IGVS e o delegado territorial, Ovidio Rodeiro.