Un morto e dous feridos nun accidente en Dumbría

T. Longueira / S.G. REDACCIÓN

DUMBRÍA

CEDIDA

O sinistro tivo lugar na AC-552 pouco despois das 23.00 horas do domingo

27 ene 2020 . Actualizado ás 10:39 h.

Un home faleceu e dous atópanse feridos leves tras un accidente de tráfico ocorrido esta pasada noite en Dumbría, na parroquia da capital municipal, a pouca distancia da planta de formigóns.

O sinistro tivo lugar no punto quilométrico 79,900 da estrada AC-522, minutos despois das once. Segundo informan os bombeiros de Cee, recibiron unha chamada do 112 ás 23.13 horas alertando do sinistro. En concreto, de que había persoas atrapadas pola colisión frontal de dous vehículos. Un home, ao que que houbo que excarcerar, faleceu, e outras dúas persoas estaban feridas leves. O falecido é J.M. T. M., de 86 anos, natural do municipio de Cee, que ía de copiloto nun Renault Clio (sentido Cee) que conducía a muller A. C. Á,. de 76, que resultou ferida leve, e foi atendida no hospital de Cee. O outro ferido leve, tamén atendido no Virxe da Xunqueira, é un veciño de Arteixo de 35 anos, que conducía o vehículo (viaxaba en sentido A Coruña) contra o que chocou o Clio. 

Ademais dos bombeiros, acudiron ao lugar o 061, a Garda Civil de Tráfico de Corcubión e o servizo xudicial. Retirados os vehículos da estrada, e concluída a limpeza, os bombeiros chegaron de volta ao parque de Bermún á 1.10 horas. 

Dáse a circunstancia de que moi preto deste punto faleceu unha muller de Zas de 33 anos noutro accidente o pasado mes de novembro.