Os concellos buscan alternativas ao peche de bancos instalando caixeiros

Santiago Garrido Rial
S. G. Rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

SANTI GARRIDO

Varios alcaldes reuníronse en Fitur cunha empresa que os xestiona, un servizo necesario en pequenas poboacións sen entidades financeiras ou de paso de viaxeiros

28 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

En Fitur, ademais de cuestións turísticas, algúns alcaldes aproveitan para celebrar reunións e tocar outros temas, en grao sumo variado. A feira ofrece esas oportunidades grazas á asistencia de numerosas autoridades e empresas de todo tipo. Nese contexto enmárcase a reunión que varios rexedores e concelleiros da zona celebraron co representante dunha empresa que instala caixeiros automáticos, e que o fai á marxe dos propios das entidades financeiras. É unha opción interesante para poboacións que se quedaron sen oficinas bancarias e teñen unha poboación importante, ou, sen tela, son lugares de paso destacados para turistas ou camiñantes, como no Camiño de Fisterra e Muxía. Estes caixeiros son de uso libre, e valen para calquera conta. E iso, a cambio dunha comisión, que pode ser maior ou menor dependendo de moitas circunstancias.

Para explicar todos os detalles, o representante de In2retail mantivo un encontro cos alcaldes de Camariñas, Cee, Dumbría, Mazaricos e A Laracha, ademais de varios concelleiros, para informar de todos os aspectos que implica unha instalación, os posibles custos e as condicións. Foi unha primeira toma de contacto, que agora en cada caso haberá que estudar. A reunión veu da man de Pablo Canosa, secretario da CMAT e presidente de APTCM, que serviu de contacto entre ambas as partes porque el xa ten un deses caixeiros no seu negocio das Eiras, en Lires, onde non hai ningún outro. Así que o usan os seus clientes e todos os que queiran: veciños, camiñantes, clientes doutros locais...

En Camariñas, a alcaldesa, Sandra Insua, cre que sería unha boa solución para Camelle, outra parroquia que non ten ningún. Pero antes agarda falalo coa asociación de veciños e, no caso de que vaia adiante, colocalo no Museo do Alemán. Se o movemento de diñeiro é escaso, xeralmente hai que pagar, pero mesmo nese caso vería a opción de conceder unha axuda á entidade veciñal. En Camelle xa non hai oficinas bancarias, salvo a visita do autobús de Abanca unha vez á semana, e non todo o ano. Os veciños que queiran sacar diñeiro deben desprazarse, como mínimo, ata A Ponte do Porto, onde hai dúas oficinas e caixeiros. E en Camariñas, igual (pechou outra non fai moito).

O alcalde de Mazaricos comentou nese encontro que quizais se podería estudar para o núcleo da Picota. O de Zas estaba informado o encontro, pero non foi porque tanto en Baio como en Zas existen varias oficinas e non hai problema.

«Hai falta de servizos, e as entidades deberían de proporcionalos»

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, non o ve moi claro, pero cre que hai que estudalo. El preferiría que fosen as propias entidades bancarias as que instalasen os caixeiros, porque iso dá moitas máis opcións (por exemplo, operar con cadernos) e evita a comisións, entre outras vantaxes. De feito, xa mantivo reunións con responsables de Abanca para pedirlles un caixeiro en Caión, que é o principal núcleo urbano afectado, pero de momento o que hai é a visita dun autobús unha vez á semana. «Hai falta de servizos, e as entidades deberían proporcionalos», sinala o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela. En Caión, se un quere sacar diñeiro ten que ir a Arteixo, Paiosaco ou A Laracha. É un problema para os veciños, pero tamén para os moitos visitantes que hai no verán.

En Dumbría, o alcalde, José Manuel Pequeno, explica que non hai problemas, xa que hai caixeiros en Dumbría e O Ézaro, e unha empresa privada instalou outro en Olveiroa. Cre que non estaría mal un no punto de información ao peregrino de Hospital, pero é algo que haberá que estudar.

En Lires, Canosa ten un acordo desde o verán pasado no que cede o espazo e mesmo a conexión telefónica e eléctrica. Ao chegar ao ano, xa se avaliará, por unha e outra parte, se seguen adiante, e como. Pero o servizo préstao, as comisións son pequenas, beneficia a toda a parroquia e aos visitantes e non hai queixa, sobre todo porque se evitan os desprazamentos a Cee ou a outras localidades da comarca.