Non son eu, acaso, a vítima?

Ramón Pasandín Regueira TRIBUNA ABERTA

CARBALLO

22 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Comprei no 2015 a casa de Generosa (Jeny), na rúa dos Condes, casa que se ve dende ao Gafote. Ao lado da casa está a casa e cabanote que estes días aparece nos medios de comunicación propiedade de Ángel Suárez Baneira.

Antes de comprala mirei no PXOM e no Catastro que todo estivese en regra e que non existise ningún tipo de carga sobre ela, incluíndo servidumes de paso. Atendendo á legalidade recollida no PXOM, feito pola empresa Monteoliva e aprobado polo goberno do Partido Popular con maioría absoluta, no que, igual que no Catastro, indica que existe unha vía pública que dá acceso á miña vivenda.

O Plan Xeral estivo a exposición pública e nin Ángel Suárez nin ninguén reclamou nada en relación a esta vía, única vía pública pola que se accede á miña casa desde o ano 1900, data da súa construción. A casa de Ángel Suárez construíuse posteriormente, no 1930, trinta anos despois. A única vía que dá acceso á miña vivenda leva as conducións de saneamento ata a miña casa e tamén ten alumeado público, derribado polo temporal hai 3 anos e á espera de rematar a casa para volver a colocalo por parte do Concello.

A miña muller, Montse Oreiro, e eu compramos con ilusión unha casa en Corme para gozala cos nosos fillos, ao igual que eu gocei da miña infancia no pobo. Levo gastados máis de 80.000 euros na rehabilitación desta vivenda, e aínda me queda para poder rematala, disparándose os gastos, e os desgustos, por todos os atrancos postos por meu veciño Ángel Suárez Baneira.Tendo que solicitar e acondicionar un acceso provisional por outra finca propiedade doutro veciño, incrementando máis o gasto da rehabilitación e obrigando a facer a obra a man, case sen maquinaria, para poder continuar coa rehabilitación da vivenda.

Eu diríxome ao pobo de Corme, á Asociación de Veciños e á Confraría de Pescadores, que podo entender o apoio e defensa que están a facer do veciño Ángel Suárez Baneira, pero pregúntolles tamén: Quen me defende a min? Non son eu, acaso, unha vítima? Non son eu quen comprou dentro da legalidade a miña casa, quen solicitou e pagou unha licenza municipal de rehabilitación?

Non son eu o que paga os recibos da contribución urbana, a auga e o alcantarillado dunha casa á que non me deixan acceder pola única vía pública que lle dá acceso? Por onde deberei ir logo para chegar á miña casa? En helicóptero? Cando os nenos e nenas da miña idade ían a clase de inglés á casa de Generosa por onde entraban?

Por que non se di que a casa de Ángel en realidade son dúas, cada unha cunha referencia catastral e un camiño polo medio? Non será que o quere é anexar o camiño á súa casa e cabanote?

Onde se solicitan as licencias de rehabilitación, ante un técnico de urbanismo no Concello, ou na asociación de veciños?

Unha asociación de veciños debería apoiar a todos eles por igual e non poñerse de parte de un prexudicando claramente a outro, debería colaborar para que se solucionen os problemas, e que quedara claro que non existen outros intereses diferentes que a defensa e boa convivencia dos seus veciños.

Non merecerei eu que me defendan co mesmo ímpeto que defenden a Ángel Suárez? Se o que pretenden é darlle unha patada no cu ao alcalde, que non sexa no meu traseiro.

Aproveito a carta para darlle as grazas a todos os meus veciños de Corme que me manifestaron durante todo este tempo o seu apoio e ánimo, por querer ter un pobo coas súas casas arregladas e cheo de vida e manterme a ilusión de volver ao meu pobo, onde nacín, teño familia e amigos e tanto gocei e aprendín das súas xentes e sigo a facer.