Emotivo reencontro

Suso Méndez TERRA E XENTE

CARBALLO

22 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A cidade de A Coruña, homenaxeou ao compositor máis importante de Galicia, Rogelio Groba e Groba, con motivo de cumprir 90 anos. Por fin puiden darlle unha aperta, despois de 35 anos. Chovía a xerros cando nos abrazamos baixo os soportais do Teatro Colón este pasado sábado. E, de súpeto, xurdiron como as flores no maio, as anécdotas no vello conservatorio entre a Palloza e Catro Camiños onde tiven a sorte de ser seu alumno durante nove anos.

O seu sempiterno sorriso fíxome voar á década dos oitenta, e el, o meirande compositor: 720 obras que suman máis de 100 horas en música galega, sempre falando castelán, algo que nunca entendín e que lle teño dito con toda confianza, pero dentro dun respecto. Viñera unha vez ao noso pobo e logo o meu nome para el, era: Corme.

Canta herdanza e legado nos deixa, mestre. Vostede pasou a vida ao pé do enorme atril e sen tomar o sol nin dar unhas camiñadas. Logo, a dirección do conservatorio, da banda municipal, da orquestra sinfónica e da coral El Eco. Esa noite non durmín, matinando cantos millóns sumarán as corcheas saídas da súa pluma vermella. A pluma? E a nós na primeira clase de harmonía: «Traian papel pautado, lapis e moita goma de borrar, sobre todo…, moita goma de borrar».

Mais o tempo non borra aquelas mañás de exames. Entro para 5º. de solfexo, e cal a miña sorpresa?: vostede e a profesora, a señora. Goicoechea, que, se grande era no piano, mellor aínda como persoa. No encerado, 8 compases manuscritos, solo 8, pero en 7 claves e 3 minutos para ollalo mentres vostedes parlaban e sorrían. Malia isto, a sorte estaba do meu lado por coñecer a súa obra: unha frase de muiñeira que tamén me fixo sorrir para os meus adentros. E chegaría o exame de 4º. de harmonía. Tres días pechado e co bocata para xantar na mesma aula. Nunca vin que as horas me voaran tan axiña.

A chuvia non cesaba antes de entrar ao concerto da orquestra de cámara galega, maxistralmente dirixida polo seu fillo, e aínda tiven tempo de lembrarlle aquela noite fría de inverno na igrexa parroquial de Carballo, onde vostede dirixía a orquestra municipal e estreaba a súa última obra: «Aires gulaneses», dedicada á súa parroquia de Guláns (Ponteareas). Ao final, unhas cuncas de ribeiro no bar de enfronte, O Mexillón, onde me pediu o meu parecer sobre a obra: «O fondo ideal para unha película de Valle-Inclán, mestre», contesteille. E sentiuse feliz. Pero a nova que máis lle fixo sorrir, foi dicirlle que levaba 16 anos dirixindo a banda Eduardo Pondal, dirección para a que el me propuxera cando se fundou.

Abriron as portas do Colón, e collino forte do brazo para pasar os mollados chanzos. Xa no palco, esperábao o presidente da Xunta para estar ao seu lado. Eu, no palco de enfronte, non sei se mirei para o seu fillo dirixindo, ou máis tempo para vostede.

Grazas, mestre Groba, polas súas ensinanzas, as que meu pai, o primeiro mestre da miña vida, non puido completar, mais iso si, el, deixoume o seu nome de por vida: Suso de Basilio.