Sogama arrinca o 2020 como a planta de tratamento máis grande de Europa

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCÍA

O complexo cercedense pechou o 2019 con marca de lixo recibido: 825.000 toneladas

21 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

«O modelo de xestión mixto público-privado, Xunta de Galicia-Naturgy, no sector converteu ao complexo ambiental de Cerceda no mellor de Galicia, no mellor de España e no mellor e máis eficiente de Europa». Con esta fase resumiu o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino , o privilexiado posicionamento das instalacións de Morzós neste arranque de 2020. Fíxoo no transcurso dun discurso para conmemorar o vixésimo aniversario da posta en marcha da planta de tratamento, inaugurada polo entón presidente do Goberno autonómico, Manuel Fraga.

Nesta mesma liña expresouse a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, durante a súa intervención nunha abarrotada e nova aula ambiental: «Sogama é un referente en Europa e non mundo», chegou a dicir a representante da Xunta ante decenas de rexedores de toda Galicia e tenentes de alcaldes, entre eles, algúns da Costa da Morte, a súa homóloga de Mar, Rosa Quintana, o máximo responsable de Naturgy en Galicia, Manuel Fernández Pellicer, así como outros representantes da política municipal e autonómica e empresarios. Neste acto conmemorativo destacou Juan Manuel Rodríguez García, número 2 do executivo local de Cerceda, quen, coa súa presenza non fixo máis que confirmar que esta mesma semana podería ser o substituto de José García Liñares. Iso si, o edil non soltou peza: «Será a executiva local do Partido Socialista quen o decida», indicou de forma concisa.

Tamén foi un acto no que se lembrou aos cinco primeiros presidentes de Sogama antes da chegada de Javier Domínguez Lino , e aos que encomiou polo traballo realizado nestes vinte anos: Jesús Palmou, Luis Mingo, Javier Bermúdez, José Álvarez e Luis Lamas.

A conselleira de Medio Ambiente lembrou que fai vinte anos estaba a dar os seus primeiros primeiros pasos na política, «nun concello que tiña un vertedoiro municipal, como outros 300 repartidos por toda Galicia» e que, grazas á xestión de Sogama, pasaron a mellor vida, «como os 3.000 vertedoiros incontrolados» que había na comunidade galega: «Sogama ten tratado neste tempo máis de dez millóns de toneladas de lixo, unha contía equivalente a encher ata 50 veces o estadio de Riazor». E encomiou que Sogama se adiantou en 15 anos ao obxectivo fixado por Bruxelas de vertedura técnica cero. Ángeles Vázquez incidiu en que grazas á valorización material e enerxética o índice de vertedura no 2018 situouse no 25 %, «unha porcentaxe moi baixa tendo en conta que en España só hai dez plantas deste tipo e o uso do vertedoiro dispárase ata o 54?%», argumentou a titular de Medio Ambiente.

Pola súa banda, o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino , incidiu no seu agradecemento aos traballadores, un milleiro entre directos e indirectos, aos que encomiou por «o salto cualitativo e cuantitativo» do complexo grazas «ao labor incansable nestes vinte anos». Este éxito tradúcese, entre outros aspectos, nas visitas previstas e xa concertadas para este ano, ata tal punto que en Sogama puxeron o cartel de completo ata xuño, coas visitas xa confirmadas de 70 entidades, que agrupan a unhas 3.000 persoas.