O Sofán mereceu mellor sorte fronte ao Montañeiros

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Preferente Autonómica | A próxima semana teñen un encontro importante, o derbi fronte ao Xallas

19 ene 2020 . Actualizado ás 22:05 h.

O Sofán perdeu na Coruña fronte ao Atlético Montañeiros (2-1) nun choque do que puido sacar máis, pero non era o día dos carballeses. A próxima semana teñen un encontro importante, o derbi fronte ao Xallas.

Arrincou ben o choque para os de Sofán. No minuto 3 xa ían gañando, cun gol de Fabián Vidal. Púñaselle de cara o enfrontamento ante un conxunto moi sólido. A raíz do tanto do tanto dos bergantiñáns, o Montañeiros intentou impor a súa lei e en certo xeito acurralou aos carballeses atrás, pero sen que os visitantes pasasen grandes situacións de perigo. Os homes de Alberto Rodríguez tratan de xuntarse atrás para darlle sustos aos locais en rápidos contragolpes. Cando parecía que os sofanistas podían saír indemnes chegou o primeiro tanto de Kevin Rodeiro e a igualada no marcador. Apareceu entón o desasosego e o nerviosismo nas filas visitantes e o Montañeiros puido facerse co partido pero acabou a primeira parte.

Na segunda metade, o adestrador carballés recompuxo filas e fixo un par de correccións tácticas. O Sofán volveu coller o ton e mesmo tivo a oportunidade de pórse por diante nun par de escapadas. A medida que avanzaba o choque, este foise facendo cada vez máis aberto e a sorte podía decantarse de calquera das dúas partes, pero nunha xogada de rebotes Kevin, de novo, acabou aloxando o balón na meta de Brais Gómez, para desesperación do catro foráneo.

Con todo, non estaba todo dito no partido e os carballeses aínda puideron igualar a contenda se Raúl houbese atinado coa diana cando se viu co balón na área pequena.

Alberto Rodríguez considera que o partido puido dar máis para o Sofán, xa que, na súa opinión, foi bastante igualado. Agora toca pensar no derbi ante os veciños do Xallas, un enfrontamento que sempre é moi atractivo para ambas as parroquias.

Pola súa banda, o Laracha viaxará a Mugardos e o Fisterra recibirá ao Boimorto, un partido no que os da Ara Solis intentarán solidificar a súa situación.