A Costa da Morte, unha xeografía vivida

Xela Cid

CARBALLO

Primeira persoa | «O lecer empurrounos a acampar, hoxe imposible, en recunchos idílicos como a Boca do Río, Malpica ou o Ézaro»

19 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Para escribir o que aquí conto detiven o tempo un intre, mirei cara atrás, e fixen memoria dos momentos nos que contactei coa Costa da Morte. Como, cando, con quen e por que fun a esta franxa litoral. Este exercicio de recompilación de feitos, lugares, xentes, anécdotas e vivencias, foi unha viaxe á miña mocidade, cando descubro as terras da fin do mundo cheas de valores naturais.

Vin o mar por vez primeira en Vilagarcía. Era unha gran lámina azul de augas quedas. Daquela, descoñecía o valor xeolóxico da nosa costa recortada e a existencia do mar bravo máis aló das Rías Baixas. Os de Ourense devecemos polo mar. Temos a cobiza de posuír o que non se ten converténdose nun obxecto de desexo case innato.

Sendo estudante de Bioloxía en Santiago comecei a viaxar por todo o país. Así, dei con esta zona e co que máis adiante chamei as «Xeografías vividas». Sinto que a natureza turra por min. Galicia preséntase como o gran libro do Medio. A vida rebulía en cada recuncho e eu quería coñecer máis.

Percorrín esta costa na compaña de persoas coas mesmas inquedanzas, como o hoxe biólogo e profesor M. Chouza, bo coñecedor da fauna galega, e do gran ornitólogo X. M. Penas Patiño, entre outros. Compartimos miles de quilómetros en coche e a pé e centos de anécdotas.

Razóns de tipo científico, pedagóxico, reivindicativo e lúdico achegáronnos ao longo dos anos a estas comarcas máis occidentais.

Co ambicioso proxecto do Atlas de Vertebrados de Galicia da Sociedade Galega de Historia Natural, nos oitenta, pateamos o país na procura da distribución actual desta fauna. Unha marea de anécdotas xurdiron na pescuda de egagrópilas de curuxa, bólas de pelo e ósos que expulsa pola boca, dos ratos que caza. Estas amontóanse nos durmideiros e a súa análise amosa a microfauna do lugar. Revisamos pombais, casas vellas , faiados, castelos, torres, pazos, escolas baleiras e campanarios de igrexas, onde repousa a rapina nocturna. Tiñamos un lema: «Campá cagada, curuxa localizada». O contacto cos párrocos facilitóunolo unha acreditación do arcebispado de Santiago que viña dicir: «Os portadores da mesma son biólogos e bos cristiáns que precisan localizar curuxas para un estudo universitario». Foi eficaz e xerador de situacións insólitas. Algún cura da Costa da Morte púxonos a rezar con el. Nunha aldea de Dumbría, de anoitecida, o crego e varias mulleres saíronnos ao paso no cemiterio onde rebuscabamos entre os nichos os restos da dieta desta ave. En Mazaricos foi xenial. Ao preguntar por este ben prezado faláronnos dun cuberto privado onde as había. É de súpeto din: «A como as pagan?». Doutra volta coñecemos o taxidermista «Pepe pieles» que nos gardaba os cranios dos mamíferos locais.

O censo de aves invernantes levounos cada xaneiro ás rías e enseadas deste litoral e aos cabos Fisterra, Touriñán e Vilán para avistar as colonias de cría e aves en paso migratorio.

Rastrexamos polas praias mamíferos mariños varados para a súa identificación.

No 1981 a pedagoxía conduciunos ata Corcubión para participar na anovadora «1ª Universidade Popular de Vran» cun obradoiro sobre coñecemento do Medio.

No 2003, cando o do Prestige, a cadea humana formada polo alumnado galego, entre Laxe e Muxía, colocounos no cabo Vilán, onde lle tocou estar aos do noso centro. Foi unha das protestas máis fermosas de cantas houbo contra da marea negra.

As viaxes reivindicativas foron unha constante no tempo, ben pedindo a protección de espazos, ben manifestándose contra as agresións ao Medio.

O lecer empurrounos a acampar, hoxe imposible, en recunchos idílicos como a Boca do río en Carnota; en Malpica e no Ézaro. Dende aquí subimos ó Pindo por todos os camiños, perdémonos entre a brétema, dende o cumio do Penafiel botamos unha ollada á fervenza, que curtaba a respiración, e dende a Moa avistamos as Illas Lobeiras. No Areal do Trece, a tombos por este mar de area, deixamos enterradas as chaves do coche.

A Costa da Morte é única e amosoume a auténtica dimensión do litoral galego. Agora doume conta dos coñecementos que me doou esta Terra e dos sentimentos que agromaron ao seu carón: risas coas saídas dos paisanos; bágoas polo Prestige ao pé do museo de Man, en Camelle; sonoridade no Roncudo e moita beleza reflectida nas paisaxes e nos «Ollos de boi» que recollín nas praias de Razo e Baldaio, onde vai rematando rumbo ao norte esta mítica costa na que a natureza se ergue maxestuosa.

A día de hoxe o fío da conexión tensouse unha vez máis, de xeito azaroso, grazas a unha visita polo románico comarcal, outra vez as igrexas, organizada polo SEMESCOM. Este Seminario traballa arreo polo patrimonio cultural destas Terras.

Engaioláronme e aquí estou outra vez enganchada á Costa da Morte.