Herbert marcou as diferenzas no municipal larachés

CARBALLO

BASILIO BELLO

O Fisterra consolídase na segunda praza, e o Laracha, no faroliño vermello de Preferente

19 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O Fisterra levou os tres puntos do municipal mercé a un solitario gol de Herbert, de falta directa. O cadro fisterrán acudiu ao derbi comarcal de Preferente con ata catro baixas de xogadores titulares: Aarón Muros, Capelo, Taboada e Andrés Vigo.

O partido arrincou con dous esquemas diferenciados. O Laracha, cun 4-4-2, con Alan, Prosi, Aréjula e Álvaro atrás; outra liña de catro con Ayaso, Dapo, Toni e Álex Figueiras no medio; e André e Pedro, arriba.

O Fisterra apostou, como vén sendo habitual, por un 4-3-3 con Pacín, Breixo, Julio e Pablo Vigo en defensa; Roia, Aarón López e Julián López, no centro; e Herbert, Mackay e Jesús Martínez arriba. No primeiro acto o Fisterra foi mellor aos puntos. Tivo o balón, presionou na zona de creación do Laracha e apertou máis nas súas chegadas á área de Pablo de la Fuente. Pero o Laracha de Héctor Pena non lle perdeu a cara ao partido. Cun Dapo espectacular tanto en tarefas defensivas como ofensivas, o cadro local foi mellor cando optou polo xogo raso e combinativo.

De feito, os locais tiveron a ocasión máis clara da primeira metade. Corría o minuto 32. Alex Figueiras sacou un córner, prolongou André de cabeza, que se adiantou na súa saída ao porteiro Iván Bouzón, e Prosi, de cabeza, case marca. Impediuno baixo paus o defensa fisterrán Julio . André tamén tivo a súa tras un pase perfecto ao oco de Toni, pero o remate en semifallo do 9 acabou sendo despexado in extremis polo porteiro fisterrán.

Claro que o cadro dirixido por Anxo López Canosa tamén demostrou por que está onde está na táboa. Ten un tridente arriba de verdadeiro luxo. Liderado por un Mackay inconmensurable, puido adiantarse no minuto 23, pero o gol do 7 foi anulado polo colexiado por fóra de xogo. O tramo final do primeiro tempo foi claramente visitante, con ocasións claras para Mackay (min. 27), Herbert (min. 28), Jesús Martínez (min. 40) e Aarón (min. 44). Os visitantes reclamaron un penalti por mans dentro da área dun defensa do Laracha ao fío do descanso, que o colexiado non concedeu.

Segunda parte

Tras o descanso, e coa choiva como principal protagonista, o Fisterra volveu tomar o mando do encontro. O cadro visitante mantivo o 4-3-3, pero o equipo comezou a bascular en ataque claramente cara á dereita, con especial protagonismo para Herbert que, coas súas xogadas por banda e os seus perigosos centros á área, puña en xaque á defensa local.

Así, no minuto 46, Mackay, moi activo todo o encontro, tivo o gol nas súas botas, pero o seu disparo, raso, paseouse por diante da portería de Pablo. Mackay tívoa tamén no 52, pero o seu disparo de media volea, a pase de Herbert, saíu rozando o traveseiro No 67 foi Aarón o que a tivo, pero fallou tras un saque de esquina botado por Roia.

O Laracha era un quero e non podo. Héctor Pena desesperábase na banda. Insistía en que o equipo estivese máis xunto entre liñas e non tan estirado. André estaba arriba máis só que a unha, xa que case sempre tiña ata dez compañeiros por detrás do balón. «¡Saímos da cova!», chegou a berrar desde a banda o adestrador local. De feito, como sucedese na primeira parte, o Laracha foi máis perigoso cando combinaba e atacaba desde as bandas: aí, o Fisterra sufría. Pero os locais apostaron máis polo balón en longo e na segunda xogada para intentar chegar á área fisterrá.

E claro, chegou o gol visitante. Transcorría o minuto 78. O árbitro sinalou unha falta a favor do Fisterra, a uns 25 metros da portería. Herbert disparou e o balón entrou na portería, mentres Pablo fixo a estatua, nun lanzamento no que o porteiro larachés puido facer algo máis.

Héctor Pena xogoulla. Sacou ao campo a Losada e a Ramón e o Laracha tivo o empate. Primeiro Iago (min. 88), pero o seu disparo de socato dentro da área despexouno un defensa desde o chan co porteiro vendido. E a última foi para André (min. 90), pero a súa volea en semifallo saíu rozando o poste, nunha xogada desgraciada, na que se lesionou de gravidade no xeonllo o porteiro visitante, Iván Bouzón, quen tivo que ser substituído por Jorge.

Con este triunfo o Fisterra afiánzase na segunda praza e o Laracha segue pechacancelas de Preferente.