Galeatro: «Os plásticos dun só uso son absurdos»

F. Rodríguez / M. L.

CARBALLO

Ana Garcia

A compañía carballesa estrea hoxe «Caravela», unha obra na que conciencian sobre o exceso de plásticos

19 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Galeatro, a primeira compañía de teatro profesional de Carballo, estreará na casa a súa segunda obra infantil, «Carabela», que escribiu para eles unha das mellores dramaturgas infantís galegas, Paula Carballeira. Actuarán Alba Bermúdez, Tone Martínez e Davide González, baixo a dirección deste último, nunha función que dará comezo ás 18.00 horas no Pazo da Cultura carballés. Sobre todo isto falou a actriz Alba Bermúdez en Radio Voz:

-Entre outras cousas, veremos un escenario do Pazo da Cultura cheo de plásticos.

-Amigos e familiares que nos doaron pezas de plástico neste último mes bromeaban comigo dicíndome se se notara a baixada nos contedores de reciclaxe, porque o certo é que nos deron moitísimo. Por suposto, logo de usalo reciclarémolo.

-De que vai «Caravela»?

-Caravela é unha cociñeira nun barco que naufraga. Ela logra sobrevivir e chega a unha illa que para nada é ese espazo paradisíaco que ela agardaba, con moita area e palmeiras, senón que é de plástico. Ademais, alí hai diferentes animais que están contaminados ou que non poden marchar da illa porque están enredados no lixo. Aparte, e como o plástico non se come, todos teñen fame e precisan comer para sobrevivir.

-E que cociña unha cociñeira nunha illa de plástico?

-Iso haberá que velo este domingo [por hoxe] na obra! [ri] Pero xa avanzo que pouca cousa vai cociñar... Recorrerá á imaxinación.

-De onde veu a idea de preparar unha peza como esta?

-Xorde de ver a cantidade de plástico que xeramos, que case cada día hai que baleirar os contedores. Non é normal que un alimento veña nun plástico dentro doutro plástico. Cando te das conta pouco queda do alimento, pois case todo é lixo. Sempre digo que este material naceu para facilitarnos a vida e que nin moito menos o hai que eliminar por completo, pero o que é absurdo é o plástico dun só uso, de usar e tirar. Vista esta circunstancia, pensamos que tiñamos que facer algo.

-Parecía complicado levar esta idea a unha peza teatral, e máis sendo para público infantil, pero deixándoo nas mans de Paula Carballeira non podía saír mal.

-A min tamén me parece moi complicado, e por iso precisamente pensamos nela. É moi boa e admirámola moito. O texto, que é unha marabilla, publicarase proximamente na editorial Galaxia. Paga moito a pena coñecelo.

-Teñen máis datas pechadas, unha vez estreen en Carballo?

-Si, faremos unhas funcións escolares para tódolos centros de Carballo, pero tamén estaremos en Muros e en Boiro. Ata aquí podo contar [ri].