Jesús Alvite Alvite, cura de Rus, onde levaba 45 anos, xubilouse

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Mentres non chega o seu substituto, Jorge Iglesias , titular das parroquias de Sofán, Entrecruces e Aldemunde, está a facerse cargo

16 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai xa unhas semanas que o cura de Rus (Carballo), Jesús Alvite Alvite, pediu a xubilación canónica, e vive xa na residencia de sacerdotes de Santiago. Mentres non chega o seu substituto, Jorge Iglesias , titular das parroquias de Sofán, Entrecruces e Aldemunde, está a facerse cargo.

Alvite, natural de Vilastose, en Muxía, foi designado coadjutor de Rus en 1975, hai xa 45 anos. Xustamente o mesmo ano no que Mario Villaverde se facía cargo de Xaviña, en Camariñas. Co tempo tamén se encargaría da parroquia de Anxeriz, que asumiu no 2006. Ata entón, tradicionalmente estaba en mans do cura de Entrecruces, pero tras os cambios nesta variou a repartición. Xusto dez anos máis tarde, no 2016, Alvite celebraba as súas vodas de ouro, e ademais era o único en activo na comarca con ese festexo, algo moi inusual, xa que esta comarca adoita ser das que máis achegan cada ano nas celebracións de San Xoán de Ávila. Da súa promoción é José Gerpe Barreiro, que se ocupou moito tempo de San Paio e Santa Baia de Castro, en Coristanco. E dez anos máis vello, e que xa que logo coincidiu con Alvite na efeméride, pero para as vodas de platino, era José Esmorís Cambón, de Sofán, que foi reitor do Seminario Maior e cóengo da catedral de Santiago.

Lugares de culto

A de Rus é unha da maiores parroquias da zona, en extensión (aínda que lonxe de Soandres ou Olveira) e con máis lugares de celebración de culto. Ademais de en a monumental igrexa parroquial, Jesús Alvite tiña ao seu cargo as capelas de Santa Eufemia, en Ramil, San Sadurniño, Alborín e Ferrol, nestes dous casos nos límites co municipio de Tordoia.