«Moitas lámpadas e poucas luces»

Juan Ventura Lado Alvela
J. V. Lado O OUTRO LADO

CARBALLO

10 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A frase non é de colleita propia, senón roubada ao compañeiro de Santiago Mario Beramendi, pero resume á perfección o momento polo que atravesa a articulación do tecido político e social da Costa da Morte desde hai xa varios anos: «Moitas lámpadas e poucas luces». E non estamos a falar precisamente desas iluminacións do Nadal que, no mellor dos casos e entrañabilidades á parte, serve para fomentar o consumismo a través do malgasto enerxético: un negocio redondo.

Ten que ver con que, nunha comarca con encoros e eólicos para tapar o buraco negro enerxético que é calquera capital, vaise a luz un día si e outro tamén sen que haxa ninguén a quen lle salten os chumbos o suficiente para levantar o automático da dignidade e dicir ás eléctricas que non fai falta que poñan tanto da súa parte para acabar de anularnos como pobo.

Refírese a que os cables do teléfono átanse aos sinais de tráfico e seguimos facturando en papel porque as telecos sitúannos no mapa de Botsuana e non no de Hong Kong. Alude a que aquí as iniciativas turísticas defínense na medida da súa capacidade para pórlle a cambadela ao veciño, en lugar de por aproveitar o que fai para tratar de crecer en conxunto.

Como estará a cousa para que os maiores prebostes das verdades absolutas, aos que a palabra Neria lle saía de entre os beizos con gusto a salmuera, agora pronúnciena como un chispazo de frescura, para afirmar que se non a mataron habería que inventala.