Miguel Figueira pode dar o salto ao fútbol profesional

Melissa Rodríguez
Melissa Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

O extécnico do Bergan ultima o seu desembarco na Superliga chinesa como axudante

06 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O mazaricán de 45 anos Miguel Figueira, exentrenador do Bergantiños, pode ser presentando en cuestión de días como axudante no corpo técnico dun equipo da máxima categoría de fútbol chinés, a Superliga. Os rumores xa circulan pola comarca e foi onte o propio protagonista o que confirmou a noticia: «Hai unha opción moi clara de ir, pero aínda non está pechada de todo. Estarei pendente esta semana», dixo. Deu máis detalles da oferta: «Sería adestrar como axudante a un equipo da máxima categoría, da Superliga, que ascendeu este ano. Ademais, sería o responsable do equipo reserva. Alí non son equipos filiais como aquí, senón conxuntos que xogan os luns cos xogadores do primeiro equipo que non o fixeron o domingo. É unha liga paralela», explicou.

De pechar o acordo, sería «un salto moi importante» para o técnico, moi vinculado aos concellos de Zas e Vimianzo, polos seus pais e a súa muller: «Sempre dixen que quero ser adestrador. Tanto a nivel económico como a nivel deportivo, é unha oportunidade moi grande, porque é a máxima categoría china e porque sería dedicarme totalmente ó fútbol profesional», comentou.

Sobre como lle xurdiu esta posibilidade, comezou expresando: «Estando en Carballo, o camiño máis curto para chegar ó fútbol profesional era adestrar ó Bergantiños e tratar de subilo a Segunda B. Por desgraza, este ano as cousas torcéronse, non saíron ben, e fixo que me abrira un pouco ó mercado para saír fóra de Galicia e neste caso de España porque as necesidades son así». E engadiu: «Este ano non podo adestrar en España a un equipo de Terceira División para arriba ata o mes de xullo porque xa adestrei ó Bergantiños. Podería darse o caso se houbera unha cesión de dereitos, pero a miña ficha xa está dada de baixa. Teño a sorte de que alá teño un compañeiro que xogou comigo ó fútbol, e foi quen neste caso me pasou a posibilidade e a oferta de poder ir».

De confirmarse a fichaxe do da Picota, empezaría este mes a pretemporada co equipo, e a finais de febreiro, a liga, que alí dura ata novembro. Viaxaría só a China , asegurou: «En principio, se se dera o caso, iría eu só, porque os rapaces están estudando, e a muller, traballando». O tema do idioma non lle asusta, dixo: «Teño falado xa o tema dun tradutor para relacionarme cos xogadores, que son sobre todo chinos. Polo resto, as persoas que estarían comigo no corpo, case todas falan español». E engadiu máis aínda: «O inglés lévoo bastante ben para relacionarme fóra do campo. Despois, sería cousa de aprender pouco a pouco os termos básicos que se poden dicir en chino».

Historial

A falta de saber se, finalmente, Miguel Figueira dá o salto ao fútbol profesional, o certo é que gañouno a pulso. Cando chegou ao Bergantiños, na tempada 2016-2017, coincidindo co seu debut na Terceira División, meteu ao equipo no play-off desde a cuarta posición. Nas dúas tempadas seguintes, repetiu logro, mellorando incluso a clasificación. Nas dúas ocasións, o conxunto carballés finalizou segundo a liga. Foi na campaña 2018-2019 cando clasificou ao Bergantiños para disputar a súa segunda Copa do Rey . Tamén cultivou cópaa Federación (2018). En novembro, a directiva e el acordaron que o mellor era pór fin á súa etapa como preparador para tratar de reverter a situación do equipo que, paradoxalmente, está peor desde a súa marcha, recentemente metido en postos de descenso.

Antes do seu periplo na categoría nacional, Miguel Figueira adestrara ao Atlético Arteixo, dous anos en Primeira Autonómica e outros dous en Preferente, tras asinar o ascenso. Si destacou como xogador no Fabril, o Deportivo, o Levante e o Castelló, entre outros conxuntos.

Nos últimos anos, fincado na Coruña, dedicouse, a maiores do seu amado Bergantiños, a impartir os cursos de adestrador da Real Federación Galega de Fútbol.

Sobre o Bergantiños

«Creo que o equipo non acaba de arrincar»

Miguel aínda ten o Bergantiños no seu corazón e ségueo desde a bancada. No entanto, non remata de darlle as vitorias que tanto anhela. De feito, o sábado entrou en descenso. O míster quixo dar a súa opinión sobre esta situación: «Creo que o equipo non acaba de arrincar e que o problema da falta de gol está supoñendo a perda de moitos puntos. Só espero que coas fichaxes que están chegando e co bo facer de Borja como adestrador poidan saír de aí. Creo que aínda hai tempo para iso», comentou.