A viaxe do Apalpador

La Voz

CARBALLO

21 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Terceiro Premio

Daniela Esteban Simes | CEIP Xesús San Luís Romero

«Toc, toc». «Quen é?». «Son o carteiro». Un home sentado a carón do lume levantouse. «Canto tempo! Quen será?». Abriu e viu que os Reis Magos o convidaban á Costa da Morte. O Apalpador estaba ledo e axiña chegou á Terra de Bergantiños. «Que tal, amigo?». «Ben! Estou desexando coñecer esta terra. Cal é o primeiro destino?», dixo o Apalpador. «Será aquí na Terra de Bergantiños. Subiremos ao Monte Neme e alí trazaremos a ruta», dixo Melchor.

Xa no alto, o carboeiro quedou enmudecido. «Estamos de sorte», dixo Gaspar, «hai lúa chea!». O xigante non escoitaba! A grandeza do mar impedíalle pór atención e só vía as praias de Razo, Baldaio, Balarés, as Sisrgas... «Eh, Apalpador! Hai traballo!», apuntaron os Reis Magos. Dixéronlle adeus a Bergantiños e foron á Terra de Soneira. «Subiremos aos Penedos de Pasarela e marcaremos un traxecto», apuntou Baltasar. O carboeiro non escoitaba! Os seus ollos estaban cravados no Castelo de Vimianzo, as Torres do Allo, os Batáns e Muíños do Mosquetín, a Ponte de Brandomil, Camariñas... «Menudo tesouro!», dixo.

Era a quenda da Terra de Fisterra. «Chegamos!», dixeron os Magos. «Subiremos ao faro e alí marcaremos un camiño», engadiu o ancián. Aquel mar era inmenso e o Apalpador enfeitizouse co Monte Pindo, a praia de Langosteira, Espiño, a fervenza do Ézaro, a ría de Corcubión, o hórreo de Carnota... «Apalpador!, tan só nos queda a Terra de Xallas».

Cando chegaron xa amencía. «Hai que darse présa! A rapazada erguerase!», dixo Gaspar. «Subiremos ao alto do Pindo e trazaremos un itinerario», dixo o máis vello. O Apalpador non paraba de mirar o grandeza do Xallas e con que forza caía no Ézaro para desaparecer no mar. Xa era día!

«Amigo, é hora de irnos», dixeron os Magos. «Si, volverei para a miña querida fraga, pero regresarei para o ano. Gústame moito a Costa da Morte, ten moito que ver, entreter, aprender e querer!