Futuro incerto para o Laracha

Melissa Rodríguez
Melissa Rodríguez A OUTRA CARA

CARBALLO

08 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Alos históricos representantes do fútbol da comarca nas categorías máis altas váinoslles nada ben este ano nas súas competicións. O Laracha é un deles, aínda que neste caso xa vén de atrás. En liñas xerais é un equipo ascensor. Desde hai tempo vai dando bandazos de Terceira Nacional a Preferente Galicia e viceversa. Aínda que é certo que nos últimos anos a situación aínda foi máis crítica coa salvación en Terceira, por exemplo, na campaña 2017-2018 grazas á desaparición do Cerceda, ou mesmo na pasada, cando o Laracha ía descender pola situación do Fabril ao ser filial do Deportivo, e finalmente fíxoo, pero por erros propios.

Esta tempada o equipo é pechacancelas nunha categoría inferior á Terceira División. A chegada do que foi o xogador do Superdépor non tivo o efecto agardado. O máximo representante do persoal di que o nivel dos adestramentos non era o adecuado. E, por outra banda, un vello directivo do club márchase agora cargando contra a xunta reitora por aspectos económicos. Estará a facer unha boa xestión esta última?

Coa baixa do adestrador Nando, continúa o baile que non cesa no banco do Laracha xa desde hai anos. Neste sentido, a campaña máis desastrosa foi a 2017-2018, con ata tres inquilinos: Chollas, Josito e Javi Álvarez.

O pasado ano, Canito ameazou con irse. Como o conxunto larachés descenda a Primeira, ¡a ver que pasa! Tendo en conta que cada campaña que pasa son menos os xogadores locais que defenden a camiseta rojiverde e, a afección, tampouco destaca por ser multitudinaria.