O capitán do Laracha, Iván, di que os adestramentos eran «de baixo nivel»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

O presidente, Canito, non respondeu as palabras do xa exdirectivo Tonecho

08 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

As cousas no Laracha están revoltas tras as baixas do adestrador exdeportivista Fernando Martínez, Nando, e do director deportivo, ademais de vicepresidente e delegado, Antonio Garda, Tonecho. Este último cargou duramente contra a directiva nada máis coñecerse a noticia, aínda que por motivos distintos aos deportivos: por temas económicos. Segundo declaracións que fixo a este medio o venres, os directivos non lle tiñan informado as contas do club e logo lle terían pedido asinar un papel para aprobar as mesmas, feito ao que se negou e de aí a súa marcha precipitada e a do adestrador, aínda que, en certo xeito, previstas para o 22 de decembro se non lograban reverter a mala dinámica do conxunto que os leva a ser pechacancelas do grupo Norte de Preferente Galicia.

O presidente, José Manuel Ceide, Canito, non quixo onte responder a estas palabras do que foi o seu compañeiro na directiva do Laracha durante máis dunha década. Simplemente limitouse a dicir o seguinte: «Non vou opinar sobre iso. Ás veces vale máis a universidade da calle».

Iván está lesionado

O que si deu a cara foi o capitán do conxunto rojiverde, Iván Martínez, que é moito máis que iso: a alma máter. É o único xogador do persoal da pasada tempada que continúa no equipo, ademais de ser dos poucos locais que quedan. E destes últimos, é o que máis anos leva no club. Esta é a súa oitava campaña no conxunto sénior. Tamén pasou polas categorías inferiores: o Laracha foi a entidade coa que comezou a xogar ao fútbol.

A pesar de que non adestra desde o pasado 13 de novembro por unha tendinite que padece no tendón de Aquiles e que o terá apartado dos terreos de xogo ata febreiro ou marzo «polo menos», asegura, acode a todas as sesións de preparación e a todos os partidos para apoiar aos seus.

«Pasamos por un momento delicado. Estamos nunha situación crítica polos problemas que está habendo. Eu non son quen para xulgalos. Estes días non está habendo adestramentos, pero eu o que lles transmito ós compañeiros é que temos que manternos á marxe. A nós o que nos consta son as desavinzas entre a directiva e o director deportivo e, por consecuencia, co adestrador, xa que foi Tonecho quen o fichou», comezou explicando o larachés. Unha cousa quixo deixar clara: «A directiva coa plantilla cumpriu [economicamente]. Quizais foi a plantilla a que non, polos resultados, por iso nos temos que manter á marxe».

Sen ningunha dúbida, a declaración máis sorprendente foi a resposta á pregunta de que foi o que fallou no Laracha para non gañar un partido desde o 29 de setembro: «Óscar Gilsanz [adestrador da pasada tempada] dicía sempre unha frase moi boa: ‘Xógase como se adestra’. Creo que nós temos que ter un nivel máis de adestramento. Máis e mellor. Porque o domingo é o exame, pero se non o preparas durante a semana... Dende o meu punto de vista, cos adestradores [Nando y Ernesto José Martínez], as sesións de preparación eran de baixo nivel. Tiñan que ser máis esixentes, pedirlle máis aos xogadores». Polo demais, asegura que os seus compañeiros, que son os que nestes momentos saltan en cada xornada ao campo para lograr os tres puntos, están «competindo» e dando «unha boa imaxe»: «Así é que os partidos pérdense pola mínima ou empátanse».

Sobre o futuro do Laracha, Iván móstrase esperanzador: «Non hai plantilla para estar aí abaixo. Temos que sacar isto adiante co novo adestrador [mostrouse confiado con esta figura]. Abrir unha nova etapa e tratar de crecer para salvarse, xa que ese é o único obxectivo agora».