Aspaber presenciará en Riazor o Bergantiños-Sevilla da Copa do Rey

Melissa Rodríguez
Melissa Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

A asociación carballesa de persoas con discapacidade intelectual foi invitada ao emocionante encontro

08 dic 2019 . Actualizado ás 21:39 h.

O Bergantiños-Sevilla da primeira eliminatoria da Copa do Rey (o mércores 18, ás 18.00 horas, en Riazor) será o acontecemento deportivo carballés do ano. É por iso que desde o club rojillo queren facer partícipes dese día a todos os bergantiñáns e bergantiñás. Este sábado anunciaron que Aspaber será protagonista no duelo estelar. Os integrantes da Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños foron invitados pola entidade deportiva a presenciar en vivo o emocionante partido.

Gañáronllo a pulso, din desde o Bergantiños Fútbol Club. E é que estas persoas con discapacidade intelectual están moi vinculadas ao deporte. Desde o ano pasado, moitas delas forman parte do Sofán Aspaber, un equipo de fútbol que xa se enfrontou ao Superdépor e ao Lugo da Liga Genuine. Xa desde antes, outras practican baloncesto con Xiria. A natación tamén é outra modalidade que lles encanta. Ademais, están moi integrados na sociedade participando activamente na xestión de puntos limpos, xardinería e limpeza viaria, entre outros traballos. Será, sin duda, un día que vivirán con moita ilusión.

Por outra banda, desde o Bergantiños aproveitaron para recalcar que os interesados en desprazarse esa xornada a Riazor nos autobuses que facilitará o Concello de Carballo de forma gratuíta deberán presentar a entrada correspondente ao evento antes de tomar asento. A súa base e a do Sofán viaxarán nestes vehículos sufragados polo goberno municipal.