Exame glotolóxico do sentimental galego

Xosé Pumar

CARBALLO

06 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Mesturamos palabras como «saudade, soedade, soidade». Na realidade sentimental son ideas moi vencelladas. Non é doado separar, estrangular vivencias tan íntimas do noso ser. Os versos, os cantos, a fala de a cotío empregan calquera das devanditas palabras e decatámonos do que queren dicir, ou mellor, como galegos, sentímolo no noso ser.

Definir a interioridade nosa motiva estudos en profundidade, discursos académicos. Comparanzas con teses portuguesas e outras do amplo pasado celta.

Intentemos aproximarnos con devoción e respecto a algo tan sensible. Grave atrevemento de aficionado que saberán comprender os lectores.

Saudade

Faremos a nosa viaxe divulgativa seguindo a Rosalía de Castro no seu poema Campanas de Bastavales.

Saudade: Relacionámola coa familia léxica de saúde, sano, salutem en latín. Polo tanto, de seu é referencia e sentimentos gratos.

Rosalía di que vai camiño do meu contento cando vai para Bastavales. Alí xurdiron nela uns amores toliños... Para ela, Bastavales é un paraíso: Cada estrela, o seu diamante; cada nube, branca pruma.

Soedade

Soedade. No latín solitatem. Unha doenza no ánimo e abandono, marxinación, lonxanía. Dóiome de dor ferida, que antes tiña vida enteira, i hoxe teño media vida. Sólo media me deixaron os que de aló me trouxeron, os que de aló me roubaron.

Velaí unha testemuña explícita da presenza de Rosalía en Bastavales. Todo o poema describe o territorio e costumes de Bastavales cando, moi nena, morou na aldea de So-Igrexa.

Cando de lonxe vos oio penso que por min chamades e das entrañas me doio, escribe Rosalía referíndose ás campás.

Soidades / suidades. Semellan ser palabras feitas a base de soedades, pero significando a profundidade do sentimento. Na sílaba SOI vai un sub latino; en SUI pode haber unha alteración fonética por comodidade, ou levar un sui (latino, de si mesmo). En todo caso, padecemento interior. Das entrañas me doio, di a nosa Cantora. As soidades son tan fortes que ao oír as campanas de lonxe torno a chorar. Elas tocan para que rece; eu non rezo, que os saloucos afogándome parece que por min ten que rezar. Consecuencia: polo tanto, saudade con soidade, xeran soidades.

Todo o proceso vai resumido neste admirable terceto: Que os amores xa fuxiron, as soidades viñeron... De pena me consumiron.

Morriña

Morriña. De morior, latino. É a morte sentimental que padecen os galegos ausentes na súa Terra. Mórrome de soidades, dixo Rosalía.

Veña agora Freud e faga a súa análise científica sobre a psicoloxía galega. Nós fixemos unha breve viaxe sentimental segundo o vieiro que nos deixou Rosalía.