Ana Lorenzo: «Con 40 anos aprendín a falar galego, é un elemento de identidade dá cultura»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

A viva voz | Médica gastroenteróloga, filla de pai carballés e nai malpicá, autoridade nacional en prevención do tabaquismo, pasa uns días en Galicia

06 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Ana Lorenzo García é filla dun veciño de Oza, en Carballo, e dunha veciña de Brión, en Leiloio (Malpica). Pero tamén é filla da emigración. De feito, naceu hai 62 anos en Montevideo, a capital uruguaia, á que os seus pais, como tantos bergantiñáns por aquela época, emigraran. Pasou alá pouco tempo, porque os seus pais regresaron. Ela estudou dous anos no colexio das monxas de Carballo, pero cando tiña 8 anos fóronse definitivamente. Pode dicirse, xa que logo, que ese foi o momento consciente da partida, e ata hoxe.

Boa parte da súa vida, Galicia era unha referencia por motivos evidentes, pero non do todo. «Na casa non se falaba o galego. Meus pais tiñan moi metida esa idea do franquismo de que falar galego era falar mal. Esforzábanse por falar en castelán. Pero moitas veces escapábanselle palabras. ‘¡Ti es unha larpeira' ‘Vouche dar un palote', dicíanme. E logo estaba todo o do día a día, como a gastronomía. Así que Galicia fóiseme impregnando dende pequena», explicaba onte, de visita en Galicia, e por suposto en Carballo, onde volverá mañá para unha reunión coa súa familia.

Ata que un día, cos fillos xa non pequenos, decidiu dar ao gran cambio: «Tería un 40 anos, e quixen aprender a falar galego, porque é un elemento identitario da nosa cultura. E non sentía vergoña con ser galega». Á hora de aprender viu un anuncio no xornal, no que anunciaban clases de galego no Padroado dá Cultura Galega de Montevideo. «Eu non sabía nin que existía o Padroado. E co tempo souben que, se sentes Galicia, quédaste alí», como ela quedou. Tanto, que a entidade xa non se entende sen ela, na que foi presidente varios anos, desde o 2002, e despois volveu selo, como na actualidade.

É unha das grandes entidades da diáspora galega. Ten máis de 400 socios e hai cursos de xeito permanente, sobre todo de marzo a decembro, que é o período académico, e sempre relacionados con Galicia. Teñen un coro de 50 persoas, un grupo de teatro. Hai cursos de historia de Galicia, de idioma, obradoiros de contacontos, de literatura. Numerosas actividades puntuais: o día de Castelao (estudan ao rianxeiro cada ano desde unha perspectiva), o Día de Galicia, o da Galicia Mártir, o da Poesía Galega (será o día 12, esta vez con Eva Veiga). Hai exposicións, parladoiro (boletín con actividades), e un programa de radio xa mítico, Sempre en Galicia, que dirixe o carballés (tamén responsable do grupo de teatro) Toni García de Seárez desde hai 40 anos (o espazo naceu en 1950), a través da frecuencia de Radio Oriental. Todos os domingos, de 9.00 a 10.00, e pode seguirse e descargarse en Internet. Ana tamén forma parte esencial deste programa.

De formación é médico gastroenteróloga, pero desde fai quince anos centrouse especial na loita contra o tabaquismo. É asesora do Programa Nacional para o Control do Tabaco e do Centro de Cooperación Internacional de Control do Tabaco (181 Estados, Uruguai foi dos primeiros). Os esforzos deron resultado e o número de fumadores baixou drasticamente coas políticas implantadas. Implantáronse numerosas medidas. Non foi doado: algunha multinacional demandoulles, pero gañaron, todo un fito. Ela mesma tivo que ir declarar a Washington . Tamén forma parte da Sociedade Uruguaia de Tabacología, á que se vai dedicar agora de xeito pleno, xunto a outro centenar de especialistas, sempre para erradicar o pernicioso hábito de fumar.

Ana foi premiada pola Organización Mundial da Saúde, e formou parte dun equipo que foi Premio Nacional de Medicina .