«Ou meu soño vai vento en popa»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

Natural de Rus, tras moita loita, a canción leva boa parte do seu tempo. Tamén é condutora de bus e fogueteira. E gandeira e costureira. E máis.

02 may 2020 . Actualizado ás 20:40 h.

Rocío Pérez é do lugar da Férveda, en Rus (Carballo), un lugar do que sempre presume. Tanto da paraxe natural como do que se chama así (nada lonxe) e está a súa casa. Rocío, que ten 37 anos e xa lle queda moi pouco para os 38, é cantante. Xa o pode dicir con maiúsculas: non para de actuar, ten moitos seguidores, unha axenda de actuacións a moitos meses vista, un amplo repertorio, a inminente gravación de dous singles compostos por ela (con axuda profesional, porque non estudou música), tamén dun cedé (será o segundo), e un nome que xa vai traspasando fronteiras comarcais. De feito, é frecuente vela actuar en Vimianzo, Zas, Coristanco, A Laracha, Arteixo, Tordoia, por suposto Carballo... Leva o seu equipo de música e ela pon a voz e a animación, que tamén vale moito para sacar a bailar ao persoal. Este sábado actuará nas Eiroas, ao mediodía, e pola noite na Fronteira, en Sofán. Os carteis das súas actuacións vainos colgando nas súas redes sociais, e ultimamente non para: «Creo que por fin podo dicir que o meu soño vai vento en popa». Ou que o que a segue conséguea. Pelexou moito desde nena, levouse algún desgusto e decepción, pero tamén moitas alegrías.

ANA GARCIA

Non é das que abandonan ao primeiro revés, precisamente. Nin na música, nin en nada, porque desde pequena non o tivo doado. Agora está ilusionada con esas gravacións musicais nas que colabora e axúdalle un dos integrantes dos Satélites. Quere dar un paso máis e preparar tamén un vídeo-clip... «Isto non para, pero hai que ir pasiño a pasiño». Só pide unha cousa na entrevista: deixar claro o seu enorme agradecemento a toda a xente que a ha ir axudando. Á que sempre está con ela, á que lle botou unha man, a que a chama para traballar, os que acoden aos actos nos que canta... O seu estilo é claro: música española, animada, tipo merengue, cumbia, pasodobre... dese estilo. Ha ir evolucionando e perfeccionándoo. Cambiou mesmo o xeito de vestir: hai anos era impensable vela con tacóns, maquillaxe ou un vestido, e agora xa é máis normal... «Aprendín moito de moitas cousas. Estou moi contenta, sobre todo pola xente que me axudou. Tamén é certo que aprendes a ver a quen tes e a quen non tes», explica.

O de aprender non é falar por falar, nin é só para a música. Outra cousa non, pero oficios ten máis que a inmensa maioría. Traballou nun taller de costura, 5 anos nun e 7 no outro. Nunha explotación gandeira estivo dous anos. Foi repartidora de pan. Agora é tamén fogueteira, sacouse o carné e lanza as bombas, traballa para unha recoñecida empresa larachesa. Tivo que sacarse un carné especial. Gústalle: «Cando botas os foguetes soltas toda a adrenalina», explica. Ten aí eses tres segundo eternos desde que se prende a mecha ata que voa a cana. Empezou este ano, traballou todo o verán. Algunha vez coincidiu que ela tiña que actuar xusto despois das bombas.

Rocío tamén é condutora de autobús (e de camión), e fai rutas escolares cada día pola Laracha e Carballo. Ten todos os carnés hai xa varios anos. «Hai que pelexar», resume, á hora de explicar como se desenvolve en tantas disciplinas. «Oficios seis uns cantos. Antes facía o que había, agora fago o que me gusta», centrada sobre todo na súa gran paixón, a música, á que chegou pola súa voz, pola súa participación nos recanteiros de Luar ... Unha cousa foi levando á outra, empurrada sempre polo esforzo. Outro salto importante -para que a coñecesen- foi a súa participación nun programa de Telecinco, onde ademais de cambiar a súa imaxe relatou o seu proceso vital. Desde entón o tempo corre rápido, como o fai estes días a auga do seu moi querida férveda.

ANA GARCIA