Os Lagoa Guzmán, de Cee a Arxentina

Luis Lamela

CARBALLO

Galería de emigrantes

03 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Cando carecemos de datos biográficos suficientes para reflectir vidas pasadas, unha imaxe pode expresar tanto ou máis que as palabras que nos faltan, porque as fotos poden plasmar moi ben a alma de quen nela aparecen reflectidas. Andrés, Casilda Engracia, Gumersindo Feliciano e Manuel Lagoa Guzmán naceron en Porcar-Lires (Cee). O primeiro, Andrés (na imaxe, aparecida en revístaa Alborada), emigrou para a Arxentina en data que descoñecemos, e empregouse na Municipalidade da Capital Federal, Buenos Aires. Unha vez xubilado, aos 58 anos faleceu o 30 de xaneiro de 1929 na capital bonaerense, e foi enterrado no cemiterio do Oeste. Casilda Engracia Lagoa Guzmán (1943), sobriña de Andrés, da parroquia ceense, tamén emigrou ao país do Prata. Viúva de Fernández Otero, xunto con outros individuos, en 1989 creou unha sociedade, ARVAGA, SRL, dedicada á explotación do ramo da hostalería nos rubros de café, bar, casa de lunch, venda de bebidas alcohólicas, elaboración de xeados, restaurante...

Pola súa banda, Gumersindo Feliciano Lagoa Guzmán emigrou igualmente para a Arxentina onde exerceu a actividade do comercio. O 11 de xuño de 1927 casou con Carmen Gómez, natural da provincia de Lugo, e deixaron un fillo: Herminio Manuel. Gumersindo foi socio da ABC do Partido de Corcubión desde mediados de 1925.

E, para rematar, Manuel Lagoa (na segunda imaxe, aparecida na mesma revista Alborada) emigrou para o mesmo país e en idade nova e tamén en data que descoñecemos.

Traballou na repartición municipal Mercado de Facenda e Matadoiros Públicos e faleceu aos 34 anos, o 3 de outubro de 1929, pouco máis de oito meses despois que o seu irmán Andrés.

Proxectos de vida truncados e soños de volver á súa terra, se é que os tiñan, que quedaron rotos e en suspenso para sempre.