O Bergantiños máis inofensivo cae ante un Arzúa con 10

CARBALLO

BASILIO BELLO

Dúas chegadas claras na primeira parte abondáronlle aos visitantes para gañar

01 dic 2019 . Actualizado ás 22:07 h.

Dúas chegadas claras, practicamente as únicas do primeiro tempo, por non dicir de todo o partido, abondáronlle ao Arzúa para levar os tres puntos das Eiroas ante un Bergantiños que mostrou a súa cara máis inofensiva. Nin sequera a expulsión de Almeida cando quedaba case media hora de xogo nin os seis minutos de tempo engadido servíronlle aos rojillos para reaccionar. Aínda que levaron o peso do xogo na primeira metade e coa entrada de Duque tras o descanso, en substitución do lesionado Rivera, parecía que querían espabilar, o partido dos locais foi tan frío como esta tarde de domingo en Carballo.

Marcos García puxo un bo balón para Brais Pedreira que, completamente só, bateu cruzado a Cristopher no 31 e, só catro minutos despois, Diego Enjamio aproveitou unha gran combinación na frontal para marcar axustado ao pau.

Duque inventouse el só un golazo con crebo e disparo cruzado á media volta no 71 e pouco máis houbo que destacar, salvo os tres goles que non subiron ao marcador por fóra de xogo, dous do Bergantiños (Antonio e Rivera) e un do Arzúa (Iker Furtado). Incluso os visitantes se permitiron o luxo de acabar o encontro practicamente na área dos carballeses.

As ganas de Remeseiro no primeiro tempo e a brega de Granada no centro do campo foron do pouco salvable dun Bergantiños no que Rivera acabou a primeira parte a pé manco pola lesión nun nocello e Cano apareceu pouco e con escasa puntería ata a segunda parte, do mesmo xeito que Diego, Agulló e toda a parcela ofensiva. Nin sequera deron a sensación en ningún momento de poder ir polo encontro e iso que o Arzúa tampouco propuxo nada e dedicou a segunda metade a perder tempo.