As Eiroas, o termómetro ideal para medir a melloría do Bergantiños

Recibe ao Arzúa, o recentemente ascendido no que xoga o pichichi da liga, Iker Furtado


Carballo / La Voz

Hai vitorias... E vitorias. A do pasado fin de semana na Magdalena frontes ao Vilalbés (0-1) supuxo todo un alivio para o Bergantiños. O cadro carballés levaba un nefasto refacho de xogo e resultados, pero este triunfo cambiouno todo. Primeiro, por que o equipo viña dunha dinámica negativa, con tres derrotas e un empate; segundo, porque foron tres puntos que serviron para saír do descenso; terceiro, porque anotou Rubén Rivera, o pichichi do equipo o pasado curso; e cuarto, porque supuxo unha inxección de moral para o novo adestrador, Borja Facal.

Agora ben, o Bergantiños ten dúas materias pendentes: a falta de puntería -é o equipo menos goleador, con 10 tantos en 14 partidos- e converter As Eiroas nun fortín. De Carballo xa voaron 13 puntos, cunha bagaxe de dous triunfos (Compostela, e Polvoreira), dous empates (Arenteiro e Somozas) e tres derrotas (Fabril, Estradense e Silva). Por iso hoxe (17.00 horas) As Eiroas debe volver ser un campo talismán.

Os rojillos recibirán ao Arzúa, un recentemente ascendido que suma un punto máis que os carballeses (16-15), pero que ten nas súas filas ao pichichi da categoría, Iker Furtado. O dianteiro suma 13 dianas (4 de penalti) en 14 partidos, a 0,92 tantos por encontro.

Pero o Bergantiños mellorou e parece ter escapado desa dinámica negativa que o tiña atenazado. Ou iso é o que se desprende do devandito polo técnico: «O triunfo en Vilalba supuxo un triunfo ao traballo nos partidos e nos adestramentos», dixo Borja Facal, quen engadiu: «Saímos do descenso e iso, animicamente, sempre axuda. Tamén serviu para recompensar ao equipo, que tampouco estaba a facer as cousas tan mal. Agora temos que seguir con esa dinámica e pensar nos seguintes tres puntos».

Fiel ao seu estilo, Borja Facal segue sen querer saber nada da promoción de ascenso, que se atopa a 12 puntos: «Partido a partido e de tres en tres puntos. Penso a curto prazo porque entendo que é como se deben plantexar as cousas. Saímos do descenso, que era o importante, Agora toca gañar ao Arzúa».

Esquema

Para este partido só ten unha baixa: Yelco, que sufriu unha escordadura de xeonllo, aínda que, por sorte, está na recta final da lesión. Sobre o esquema a empregar hoxe nas Eiroas, o técnico non quixo desvelar as súas cartas. No seu debut fronte ao Silva, Borja Facal empregou un 5-3-2, con dous laterais ofensivos. En Vilalba apostou por un 4-2-3-1. «A idea é ir traballando con varios sistemas e en función do rival, escoller o que mellor se nos adapte». E falou do Arzúa:«É un equipo intenso, que pode xogar de moitas formas. Pode facelo tocando o balón, máis directo, con balóns en largo... Ten varias opcións».

Con respecto á súa relación cos que ata fai cinco meses eran os seus compañeiros comentou: «O rol cambiou, pero non o respecto. Xa era o capitán do equipo e tiña certa ascendencia no vestiario. Entenden que son o adestrador e traballan moi ben. Todos queremos o mellor para o equipo e niso traballamos todos».

Malestar do alcalde coa federación: «Non explicaron por que o campo non vale para a Copa»

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, mostrou onte o seu malestar cos representantes e técnicos da Federación Española de Fútbol quen, recentemente, supervisaron as instalacións das Eiroas, por non ter argumentado, segundo el, as causas polas que o recinto municipal non vale para disputar o choque correspondente á primeira eliminatoria da Copa do Rei contra o Sevilla. «Non é de recibo que o único que se aporte dende a federación é que as Eiroas non é apto para xogar sen argumentar os motivos», explicou o rexedor, quen engadiu: «A día de hoxe descoñecemos en que incumpre o campo a normativa, e o máis importante, dende a federación non se nos di se é posible arranxar ou subsandar esas supostas carencias».

Cumprimento

Ferrero ten claro que o recinto cumpre coa normativa e que hai capacidade para resolver os posibles contratempos: «Os vestiarios, por exemplo, estarán listos esta vindeira semana. En canto á luz, As Eiroas, segundo o luxómetro, acada o nivel de 350 lux, que é apto para xogar e poder televisarse o partido. Pero claro esixen 800 lux, o mesmo que para xogar un partido de Champions».

Os dardos á federación española continuaron: «O Bergantiños acadou a súa participación para a Copa do Rei en maio. A federación tivo tempo dabondo para comunicar ao Concello e o club o que tiñamos que facer. Había tempo para facelo, pero non o fixeron e agora din, sen argumentar, que As Eiroas non é apto. Isto non é de recibo».

E con respecto ás críticas do Partido Popular carballés, nas que se asegura que o alcalde é o responsable do «bochorno» que supón que o partido de Copa non se xogue en Carballo, Ferrero teno claro: «Non me sinto culpable. O campo das Eiroas construíno o PP cando gobernaba en Carballo. Nós o que fixemos nos últimos anos foi arranxalo e melloralo. E creo que é un bo campo para xogar un partido de Copa, pero é a federación a que o rexeitou sen argumentar».

O Deportivo négase a ceder o estadio de Riazor

Xerro de auga fría para os intereses do Bergantiños. O Deportivo denegou a cesión de Riazor ao club carballés para a disputa do partido de Copa contra o Sevilla. A entidade herculina alega que «non é viable» atender a solicitude «ao xogarse 48 horas despois dun partido de liga contra o Tenerife». Arguméntase, a través dun informe da concesionaria do mantemento do tapete de Riazor, que «o céspede se atopa en fase de recuperación». A xunta directiva do Bergantiños reunirase ao longo da xornada de hoxe para buscar outras alternativas xa que mañá, antes das dúas da tarde, hai que trasladar á federación o recinto no que se pretende xogar o duelo copeiro.

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
0 votos
Comentarios

As Eiroas, o termómetro ideal para medir a melloría do Bergantiños