O Bergantiños continúa sen saír da uci

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Perdeu 0-1 con gol de David Rojo no minuto 36

17 novs 2019 . Actualizado ás 22:14 h.

?Canedo, Bilal (Cano, min 62), Aarón, Antonio, Marcos Rodríguez (Selecta, min 72), Iago López, Toni, Agulló, Rubén Rivera, Remeseiro e Duque (Álex Diéguez).  

Adrián Ríos, Brais Lema, Pardeiro, Fiuza, Kata, Souto (Joao Paulo, min 83), Marcos Gómez, Sergio, Jacobo, David Rojo (Jonathan, min 76) e Fabio (David González, min 89)  

Gol: 0-1, min 36: David Rojo remata á rede unha falta lanzada por Souto.

Nas Eiroas non se cumpriu unha das máximas no fútbol que é: a adestrador novo, vitoria segura. Borja Facal estreouse no banco bergantiñán con derrota e o peor de todo é que o equipo continúa sen transmitir boas sensacións. Segue en zona de descenso directo. En fronte, un equipo, o Silva, que demostrou moito oficio, que sabía ao que xogaba e que ten en Marcos Gómez un verdadeiro baluarte. Posúe unha verdadeira luva na súa perna esquerda. Foille anulado un gol olímpico na segunda parte e ninguén, incluso o linier que vixiaba a súa banda, argumentou por que o colexiado, Alejandro Castro, o anulara. O xuíz de banda chegou a recoñecerlle ao adestrador visitante que el non vira nada punible. Pero é máis, Marcos Gómez estrelou, tamén na segunda parte, un balón no traveseiro e cada falta lateral era sinónimo de perigo. Outro vello roquero, Souto, volveu destapar o tarro das esencias. Un saque de falta lateral súa permitiu, no minuto 36, a David Rojo rematar de cabeza ao fondo da portería defendida por Santi Canedo.

Pola súa banda, o Bergantiños segue baixo a presión de estar aí abaixo, cando foi confeccionado para estar na zona nobre. Borja Facal apostou por un cambio de sistema con respecto ao seu predecesor, Miguel Figueira. Apostou por un 5-3-2, con tres centrais (Antonio, Marcos Rodríguez e Iago López) e dous laterais moi ofensivos (Bilal e Aarón). Borja Facal subiu a Agulló ao seu lugar de orixe, o centro do campo, con Rubén Rivera e Duque arriba e Remeseiro de ligazón.

Pero o conxunto carballés continúa atenazado. Inténtao, pero non lle sae absolutamente nada. Nin por abaixo, nin por arriba, nin combinando, nin polas bandas, nin con balóns en longo... Só coa saída ao campo de Cano, Selecta e Álex Diéguez e cunha defensa de tres pareceu mellorar o equipo. Ata tal punto que os últimos dez minutos foron de claro acoso local, con ata catro perigosas chegadas. Dous delas por banda esquerda de Cano, pero nin Rivera, nin Toni, nin Duque andaron finos.