A nada divertida moda dos xabarís a nado no mar

Juan Ventura Lado Alvela
J. V. LADO CEE / LA VOZ

CARBALLO

ELOY CALVO FEREIRO

Un ciclista viu baterse coas ondas e perderse entre elas na auga de Razo a un exemplar de tamaño adulto

18 novs 2019 . Actualizado ás 17:54 h.

Ao contrario do ocorrido en Cerqueda (Malpica) a finais do mes pasado, onde os mergulladores dun club local gravaron a un xabaril nadando ata saír correndo polo monte, onte na praia carballesa de Razo a curiosa estampa non tivo un final tan feliz.

Eloy Calvo Ferreiro, que saíu a facer unha ruta en bicicleta, topouse cunha imaxe parecida, pero bastante máis desoladora. «O mar golpeábao, agarrábase ás rochas e pelexou o que non estaba nos escritos, pero despois dun anaco xa o perdín de vista e non o vin máis. Para min que foi para o fondo. Escribiume un amigo e díxome que onte ou antonte atopou un morto e penso que este fixo que tamén aparece así», relata o nutricionista e deportista, adestrador do Coristanco a tempada pasada.

Aínda que non sabería concretar se se debe ás batidas ou outra circunstancia, o que si ten claro é que se ese exemplar adulto de xabaril -que non sabe o que pesaría «pero dos 100 quilos pasaba»- se chegou alí foi por desorientación. «Estaba no medio o medio da praia, alí por onde hai un pequeno miradoiro de madeira, nada preto do monte. Así que non sei se chegou nadando dende outro sitio ou que, pero andaba completamente perdido porque non viña para a beira nin nada», explica Calvo, a quen non lle cabe dúbida de que algo anormal lle ten que suceder a un animal destas características, e máis xa en idade adulta, para acabar nun medio no que, por moito que se defenda, nada ten que ver co seu hábitat natural.