O PP recupera a Costa da Morte e gana ao PSOE por máis de 300 votos

C. Viu / X. Ameixeiras CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

CON ÁLBUM | A abstención castigou aos socialistas, que perderon 3.400 papeletas en sete meses

11 novs 2019 . Actualizado ás 00:20 h.

O PP é o partido vencedor das eleccións xerais celebradas este domingo na Costa da Morte ao superar ao PSOE en 325 votos. Deste xeito sitúase de novo como primeira forza política tras a derrota sufrida fai sete meses.

Os populares sumaron 18.907 papeletas no reconto, 240 menos que a pasada primavera. Gañou en oito municipios. Os populares logran a vitoria en todos os concellos nos que teñen alcaldías e tamén nos de Zas, onde goberna o BNG con maioría; Fisterra, cuxo rexedor é socialista, do mesmo xeito que en Cerceda.

Os socialistas tiveron que conformarse con 18.582 votos e deixáronse polo camiño case 3.400 sufraxios. Os socialistas gañaron en Carballo, Camariñas, Cee, Dumbría, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas. En total son oito municipios, os mesmos que conseguiu o PP, que foi o partido máis votado en Zas, Malpica, Laxe, Fisterra, Cerceda, A Laracha e Cabana. Socialistas e populares volveron gañar nos mesmos municipios que na pasada primavera. O PSOE foi o máis castigado pola abstención, cuxo aumento foi do 7 % de Cee e Cerceda ao 14 % de Cabana ou o 11 % de Coristanco. En xeral creceu entre o 8 e o 9 %.

O BNG recuperou o terceiro posto á conta de Podemos e Vox superou a Cidadáns 

O BNG foi a terceira forza política en seis concellos: Carballo, onde goberna con maioría absoluta; Malpica, Corcubión, Ponteceso, Vimianzo e Zas, onde tamén ten alcaldía e ampla maioría. En Malpica goberna co PSOE.

Os nacionalistas superaron a Podemos e Cidadáns en Carballo, algo que non ocorrera en abril. O partido de Pablo Iglesias é a cuarta forza política na Costa da Morte, por amais de Vox, ao que supera nuns 200 votos. No entanto, o grupo de extrema dereita adiantoulle a Cidadáns, organización que saíu duramente castigada nesta consulta con respecto á da primavera pasada, con máis de 3.700 papeletas perdidas.

Na xornada electoral predominou a tranquilidade. A choiva non invitou a moitos votantes a saír da casa.

As incidencias máis importantes que se rexistraron foi un corte de subministración de eléctrico á primeira hora da mañá no colexio Fogar, onde as votacións estiveron paradas durante ese tempo e houbo que aprazar o peche o mesmo tempo. En Sardiñeiro roubaron as papeletas de Cidadáns e Vox.