O Soneira tamén lidera a Primeira Autonómica xuvenil

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

PARAFITA

Sufriu a súa primeira derrota en sete xornadas esta fin de semana contra o Sofán

06 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Soneira está a ir por moi bo camiño esta tempada. Non só lidera a Primeira Autonómica sénior, senón que tamén a mesma categoría, pero xuvenil (ambas as no Grupo A Costa). En sete xornadas, gañou cinco partidos, empatou un e perdeu outro. Precisamente, este resultado negativo sufriuno esta fin de semana.

Perdeu contra o Sofán por 1 a 4. Os carballeses metéronse no encontro desde o inicio (0-1, minuto 19: Jonatan Rial) e sentenciárono tras a continuación (1-4, minuto 57: Ignacio Moreno, de penalti). Pola súa banda, os locais só lograron maquillar o marcador aos vinte minutos do inicio co gol de Francisco Moreira. Entre medias, Raúl Varela fixo dobrete para o seu equipo.

Esta derrota mancha a gran traxectoria do equipo vimiancés, pois ata entón, a excepción do empate asinado no seu feudo contra o Ponteceso (2-2), logrou cinco goleadas en cinco vitorias. Vexan: Soneira-Coristanco, 8-0 (a primeira); Soneira-Os Miúdos, 6-1; Malpica-Soneira, 0-10; Soneira-Cee, 4-1, e Camariñas-Soneira, 0-9 (a máis recente). Así é que acumula na marcadora de goles a favor a espectacular cifra de 40. Con estes datos, sobra afirmar que é o conxunto máis goleador. O seu futbolista máis realizador é Moreira, con once tantos en sete choques. No entanto, ocupa o segundo posto de pichichi no grupo.

Perséguelle na táboa, cun punto menos, o Outes. Cabana, Os Miúdos, Sporting Seaia e Sporting Zas son os seguintes mellores equipos. Están por diante doutros como o Sofán, o Esteirana, o Xallas ou o Cee, clubs, pola súa estrutura, maiores. Algo están a facer ben no traballo da base.

Bergan e Dumbría encarrilan os seus camiños tras un difícil comezo en Liga Galega

En Liga Galega (Grupo 1) van nove xornadas. Os dous representantes da comarca na categoría, o Bergantiños e o Dumbría, tiveron un comezo difícil con senllas derrotas e algún empate, salvo no derbi comarcal, que levaron os dumbrieses pola mínima: 1-0. Foi a partir da quinta cando encarrilaron os seus camiños.

Desde aquela, o Dumbría fíxose invicto. Leva tres vitorias e dous empates. O último, a domicilio contra o Atlético Coruña Montañeiros: 1-1. Pola súa banda, o Bergantiños está a ser máis irregular con tres triunfos, un empate e unha derrota. Na última xornada, venceu pola mínima ao San Tirso: 1-0.

Con estes resultados, o Dumbría ocupa a zona media da táboa e, o Bergan, a parte medio baixa; posición, para este último, moi distinta á dos seus obxectivos: o salto á categoría nacional. O Dumbría destaca na faceta goleadora co seu xogador Diego Estévez, pichichi da categoría con dez tantos en nove duelos.

Por outra banda, no grupo coruñés de Primeira Autonómica, o único conxunto da zona, o Bergantiños B, é sexto logo de cinco triunfos, un empate e tres derrotas. Este sábado impúxose ao Sada por 2 a 1.