O BNG di que os orzamentos da Xunta «nin en ano electoral» miran á zona

La Voz CEE / LA VOZ

CARBALLO

CRISTIAN TRILLO

O responsable comarcal do BNG, Serxio Domínguez, valóraos dunha forma moi negativa

29 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O responsable comarcal do BNG, Serxio Domínguez, valora dunha forma moi negativa os orzamentos da Xunta que «aínda sendo ano de eleccións autonómicas, nin se molestan en cambiar a dinámica de investimentos».

Denuncia que o modo de presentar os orzamentos leva varios exercicios sendo «moi opaco e, en certo modo, de chantaxe política». En lugar de detallar investimentos reais, como se facía anteriormente, móstranse partidas xenéricas que se poderán, «segundo conveniencia política, asignarse discrecionalmente», o que constitúe «unha maneira de castigar aos concellos non afíns á súa cor política e dun claro uso electoralista».

Xa en detalle, parécelle rechamante que a Xunta non teña nin plan A nin plan B para Ferroatlántica, cando debería estar a traballar nun programa de estabilidade industrial e posto de traballo a varios anos vista, para blindar a base e investir en investigación e desenvolvemento.

Destinar 150.000 euros ao saneamento da ría de Corcubión, cando fan falta catro millóns, e vista a situación que tamén sofre a de Camariñas, parécelle inaceptable; igual que fiar a finalización da autovía a orzamentos para os próximos anos.