Dezasete representantes municipais están chamados a dar en Laxe un impulso ao Xeoparque Costa da Morte

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Xosé Ameixeiras

Reuniranse hoxe no Museo do Mar de Laxe, a partir das 17.30 horas

11 oct 2019 . Actualizado ás 11:30 h.

Fai un par de anos naceu o Proxecto Xeoparque Costa da Morte. Trátase dunha iniciativa que tiña por obxectivo pór en valor unha comarca desde o punto de vista xeolóxico e con Isidro Parga Pondal como principal nexo de unión. Laxe e a súa industria do caolín foi un exemplo da importancia da minería na zona, como tamén o foi a antiga mina de estaño e wolframio e canteira de Monte Neme.

O Proxecto Xeoparque Costa da Morte ha ir calando aos poucos na comarca e os concellos hanse ir sumando a esta actividade. Na actualidade, son 17 os adheridos a esta iniciativa, impulsada polo laxense José Manuel Pato González, actual presidente da entidade.

Agora, unha vez posta en marcha e co aval dos concellos, é hora de pensar no futuro a curto e medio prazo. E para iso representantes municipais dos concellos da Laracha, Coristanco, Carballo, Ponteceso, Malpica, Cabana Laxe, Vimianzo, Mazaricos, Dumbría, Zas, Camariñas, Muxía, Cee, Corcubión, Fisterra e Carnota están chamados á reunión de hoxe no Museo do Mar de Laxe (17.30 horas).

Puntos da orde do día

Son varios os puntos da orde do día a tratar. O primeiro, a saída de José Manuel Pato González da presidencia despois de dous anos no cargo: «É o monte de dar unha substitución e de que veña xente nova con novas ideas e propostas», sinalou o laxense. Os participantes tamén abordarán outros temas craves para conseguir a declaración de Xeoparque Costa da Morte por parte da Unesco, como o convenio con Abanca, ao creación dunha páxina web ou a posta en marcha doutras actividades conxuntas.

«Cremos que é unha iniciativa innovadora, interesante e diferente que pode achegar valor engadido á Costa da Morte», argumentou o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido.

O seu homólogo laxense, José Luis Pérez Añón, exercerá de anfitrión nun momento ademais importante tras a chegada recentemente á biblioteca municipal dos 800 libros de xeoloxía doados pola Fundación Torre-Pujales de Corme.

O futuro do Proxecto Xeoparque Costa da Morte pasa pola posta en valor da xeoloxía comarcal. Unha aposta polas antigas rutas mineiras locais e por impulsar a figura do xeólogo laxense Isidro Parga Pondal. Os participantes poderán dar voz ás iniciativas que desexen incorporar a este proxecto de ámbito supramunicipal como unha forma, ademais, de desestacionalizar dunha vez por todas o turismo na Costa da Morte.